Científicos galegos identifican un novo patrón de distribución das especies animais polo planeta

Un equipo da Universidade de Santiago identifica un novo patrón macroecolóxico que contrapón a tendencia dos rangos de distribución das especies boreais fronte as tropicais e austrais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/01/2018 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Un equipo de científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con outro investigador da Aarhus University (Dinamarca) describiu un novo patrón macroecolóxico, isto é, os elementos comúns que explican a distribución das especies animais polo planeta e que "se poden contar cos dedos das mans”; de aí o interese deste novo traballo, publicado na revista Global Ecology and Biogeography e asinado por un equipo liderado por Andrés Baselga, investigador Ramón y Cajal do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC.

Cabalos salvaxes nos montes galegos
Cabalos salvaxes nos montes galegos | Fonte: primeiroexpreso.blogspot.com cabalos

Os investigadores describen neste traballo un novo patrón macroecolóxico, aquel que sinala a tendencia dos rangos de distribución das especies boreais a alongarse en dirección Este-Oeste. Este patrón permite mostrar tamén a “contraposición da distribución das especies tropicais e austrais nas que non se observa unha tendencia sistemática a alongarse en ningún sentido”, explica Baselga.

Onde se atopan as distintas especies? Por que nun lugar e non noutro? Por que a biodiversidade é maior en determinadas rexións? Por que as especies non se distribúen dunha forma uniforme no planeta? Como resposta a estas interrogantes a ciencia sinala a existencia de certos aspectos comúns na distribución das especies de diferentes grupos biolóxicos como que, por exemplo, o maior número de especies se localiza en latitudes próximas ao Ecuador. Esta idea xa adianta “regularidades ou aspectos comúns na distribución das especies que suxiren, á súa vez, a existencia de procesos que afectan de forma similar a todas elas”, clarifica o investigador da USC.

CLIMA

Na identificación do novo patrón, os científicos da USC estudaron o comportamento de máis de 5.000 especies de mamíferos e outras 10.000 de aves. A distribución das especies localizadas nas rexións boreais tería unha forma alongada en dirección Este-Oeste, mentres que no resto das especies non hai tendencia sistemática, “soen ser circulares ou se alongan en calquera sentido”. O feito desta desviación nas rexións do norte “non é trivial” afirma Andrés Baselga, e coincide coas rexións climáticas terrestres, igualmente orientadas en sentido Este-Oeste, o que suxire en opinión do investigador “un claro efecto climático na distribución das especies que habitan a altas latitudes do hemisferio norte”. 

A interpretación inversa destes datos é “igualmente relevante”. Mentres que o efecto do clima é evidente na distribución das especies que habitan lugares con condicións climáticas adversas, no resto das especies non parece ter un efecto predominante, apunta o doutor Baselga.

“Ao contrario, o feito de que as distribucións non se desvíen sistematicamente en dirección Este-Oeste suxire que as especies foron capaces de expandir a súa distribución de forma similar en todas as direccións, independentemente das características climáticas de cada zona”.

Neste escenario, “a clave para entender os seus rangos de distribución sería a súa capacidade de dispersión –maior ou menor habilidade de colonizar unha área xeográfica–, máis que o seu nicho ecolóxico –capacidade de vivir nun rango determinado de condicións climáticas–“, aclara o coordinador do novo traballo de investigación. 

ZONAS TROPICAIS VS BOREAIS

En conxunto, “os resultados son moi reveladores e teñen obvias implicacións sobre as circunstancias nas que o clima e, polo tanto o cambio climático, pode ser un factor determinante na distribución da biodiversidade”, conclúe Andrés Baselga.

O patrón observado polo equipo da USC “é consistente coa hipótese de que as distribucións das especias nos trópicos están máis suxeitas a factores estocásticos e ás limitacións inherentes á súa propia capacidade de dispersión”. 

Pola contra, nas rexións boreais as especies estarían “máis constrinxidas polas limitacións climáticas –nicho ecolóxico-“. Estas especies, unha minoría, posuirían unha “alta capacidade de dispersión que, por un lado, lles permitiu colonizar esas áreas despois de retirarse as glaciacións e, por outro, ampliar o seu rango de distribución ata alcanzar os seus límites fisiolóxicos, delimitados polas bandas climáticas”. Pola contra, engade o doutor Baselga, as especies tropicais estarían máis afectadas polas súas limitacións na dispersión que polas súas limitacións fisiolóxicas (nicho ecolóxico). 

Trátase dunha contribución “moi relevante dende o punto de vista teórico ao tratar de identificar que factores determinan a distribución da diversidade biolóxica, pero tamén práctico ao reflexionar sobre como vai responder a diversidade biolóxica ante o futuro cambio climático”, conclúe o docente da USC. 

Completan o equipo investigador Adrián Castro Insua e Carola Gómez Rodríguez, por parte da USC e Jens Christian Svenning, da Aarhus University. O artigo leva por título ‘A new macroecological pattern: the latitudinal gradient in species range shape’, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta