Temas: PARO

Galicia pechou 2017 con 400 parados máis que no trimestre anterior

Con todo, no conxunto do ano e en comparación con 2016, o paro baixou en 22.100 persoas. En canto á ocupación, diminuíu en variación trimestral (16.700 ocupados menos, -1,56%), pero terminou o exercicio cun incremento en 6.200 persoas respecto de 2016 (+0,59%), ata 1.055.800 ocupados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2018 | Actualizada ás 10:14

Comparte esta noticia

Galicia pechou o ano cun total de 182.100 desempregados, que son 400 máis que ao termo do terceiro trimestre (0,2%). En canto á ocupación, diminuíu en variación trimestral (16.700 ocupados menos, -1,56%), pero terminou o exercicio cun incremento en 6.200 persoas respecto de 2016 (+0,59%), ata 1.055.800 ocupados.

Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo
Paro, Parados Emprego, Desemprego, Traballo, INEM, Seguridade Social, Autónomo | Fonte: Europa Press

Con todo, o paro baixou en 22.100 persoas en 2017 en Galicia, o que supón un 10,82% menos do que o fixo en 2016, en liña coa porcentaxe de descenso que rexistrou o conxunto estatal, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En comparación co resto de comunidades autónomas, Galicia sitúase como a sétima na que máis se reduciron os parados o pasado ano, pero tamén como a última en suba da ocupación (é na que menos aumentou das que experimentaron ascensos, porque en cinco caeron os ocupados).

A taxa de paro conclúe 2017 en Galicia no 14,71%, cunha rebaixa en 1,58 puntos con respecto ao 16,29% de 2016. Como adoita ser habitual, é algo superior en mulleres (15,21%) que en homes (14,25%). Mentres, a taxa de actividade alcanza o 52,98%, e neste caso --tamén algo recorrente-- é maior en homes (57,56%) que en mulleres (48,79%).

A MAIOR TAXA, EN PONTEVEDRA

Por provincias, hai unha diferenza de máis de seis puntos e medio entre a que presenta unha maior taxa de parados, Pontevedra, cun 17,76%, e a que ten a menor porcentaxe, Lugo, cun 11,23%. Na Coruña e Ourense é similar, do 13,47% e 13,69%, respectivamente.

Mentres, a taxa de actividade máis alta atópase na Coruña, do 54,53%, seguida da de Pontevedra, 53,47%; a de Lugo, 51,32% e a de Ourense, 47,82%.

En termos absolutos, os parados distribúense entre os 76.300 da provincia de Pontevedra, 71.100 na Coruña, 17.800 en Ourense e 16.900 en Lugo. A maior cifra de ocupados correspóndelle á Coruña, con 456.600, e séguenlle os 353.300 de Pontevedra, 133.500 en Lugo e 112.400 en Ourense.

A maior taxa de paro entre mulleres dáse en Pontevedra, ao alcanzar o 18% (fronte a un 11,87% en Lugo); e, ao lado contrario, a menor taxa de actividade feminina áchase en Ourense, cun 43,8% (ante o 50,45% na Coruña).

CAEN OS ACTIVOS

A EPA publicada este xoves tamén recolle que a poboación de 16 anos e máis en Galicia ascende a 2.336.300 persoas ao peche de 2017, 3.600 menos que ao acabar o terceiro trimestre (-0,15%) e 13.000 menos que cando finalizou 2016 (-0,55%).

Tamén caeu tanto en variación trimestral como na anual o número de activos, en concreto en 16.400 con respecto ao terceiro trimestre (-1,31%) e en 15.900 persoas de media en todo o ano (-1,27%), até situar o total en 1.237.900.

Ambos os descensos son superiores á media estatal, pero destaca a redución da poboación activa en Galicia en todo 2017, do 1,27%, fronte ao lixeiro incremento en oito centésimas (+0,08%) no conxunto estatal.

Temas: PARO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta