Paz entre 'Caballeros'

Gonzalo Caballero e Abel Caballero escenifican un momento de concordia tras as súas disputas públicas dos últimos anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2018 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

Despois de dez anos de diferenzas políticas que a súa relación de parentesco --tío e sobriño-- non evitou, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, escenificaron este xoves o seu achegamento nun almorzo informativo celebrado en Santiago de Compostela.

Gonzalo Caballero e  Abel Caballero nun almorzo en Santiago
Gonzalo Caballero e Abel Caballero nun almorzo en Santiago

Co encargo de presentar ao novo líder dos socialistas galegos, Abel Caballero arrincou a súa intervención no Hostal dos Reis Católicos cun repaso á "etapa severa de grande inestabilidade" atravesada polos socialistas galegos nos últimos tempos.

"A estabilidade política é un elemento básico para poder desenvolver un proxecto político. E o básico para lograr a estabilidade é ter unha dirección constante e firme", asegurou o alcalde de Vigo, que considera que "para dirixir un partido e para ser un líder necesítanse características e calidades persoais". "E Gonzalo tenas", manifestou.

Así mesmo, o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) puxo en valor a "posición política sólida" coa que chega o seu sobriño á dirección política do PSdeG "avalado" por un "importante triunfo nas primarias".

Por iso, mostrouse "optimista" co futuro do Partido Socialista en Galicia que, na súa opinión, debe cubrir o "baleiro" que deixa a "a debilidade política" do Goberno de PPdeG. "Feijóo está a facer abandono das responsabilidades que lle deron os cidadáns. Está a ver a Galicia como un simple chanzo no seu futuro político", manifestou.

"MILITANTE LOITADOR"

Na que é a súa primeira intervención nos almorzos do Fórum Europa, Gonzalo Caballero recoñeceu que durante o últimos dez anos tivo "discrepancias suficientes" co seu tío pero que non foron "máis aló" do ámbito político.

"A miña forma de facer política foi a que crin que era mellor", recoñeceu para deixar claro que manterá "toda" a súa "coherencia" nesta nova etapa na que busca ser o secretario xeral de "todos" os socialistas galegos. Despois diso, marcouse como reto "ocupar" o "baleiro de poder" descrito polo alcalde de Vigo, un obxectivo ante o que tamén se mostrou "optimista".

"A miña traxectoria política é a dun militante loitador polo que cre", remarcou para destacar que chega á primeira liña política "cos deberes feitos, a vida resolta, con capacidade de achegar e a vontade de servir ao país".

Deste xeito, sen "présa" e co horizonte "a tres anos vista", mostrou o seu compromiso de servir de "instrumento" ao servizo do cambio político en Galicia. "Somos instrumento, o obxectivo final é servir aos intereses dos galegos", incidiu.

Ademais, case 100 días despois do congreso no que foi ratificado como líder dos socialistas galegos, avanzou que porá en marcha unha fundación coa que o PSdeG "porá as mellores ideas ao servizo do país" para reverter a situación dunha "Galicia que vai a peor".

Precisamente, neste punto, o xefe de filas dos socialistas galegos describiu o Goberno de Feijóo como un Executivo que carece de "rumbo" e de "estratexia política e económica". Fronte a iso, situou entre as súas prioridades que a recuperación económica chegue á cidadanía.

"PERDA DE PESO POLÍTICO"

Despois de constatar que Galicia "perdeu peso político" no mapa estatal, Gonzalo Caballero advertiu de que non se poden permitir que as carencias do Estado das Autonomías" deriven "nunha tendencia recentralizadora".

Deste xeito, ante a posible reforma da Constitución e coa vista posta na negociación do novo modelo de financiamento autonómico, o dirixente socialista asegurou que Galicia ten que estar "no centro do debate e de calquera tipo de reforma que se expoña".

"Galicia perde e preocúpanos", sinalou para avanzar que os socialistas galegos defenderán "con calidade" o autogoberno e "a especificidade de Galicia como nacionalidade histórica". "Se se fai unha reforma, Galicia terá que estar no pelotón de saída coas competencias de autogoberno que lle correspondan á nacionalidade histórica", opinou.

Neste punto, aínda que fixo fincapé en que os socialistas son "constitucionalistas" e "respectan a lei", sinalou que o PSdeG asume que "os espazos de debate político permiten a modificación das normas fundamentais". "Estamos abertos a explorar solucións e acordos que permitan alcanzar unha mellor gobernanza", indicou.

SITUACIÓN ORGÁNICA EN PONTEVEDRA

Unha vez rematado o seu discurso, Gonzalo Caballero foi preguntado pola dimisión do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, como secretario de Organización do PSOE de Pontevedra un mes despois da súa toma de posesión na executiva de David Regades, edil vigués afín a Abel Cabellero que gañou as primarias provinciais.

Respecto diso, o secretario xeral do PSdeG asegurou "respectar" a decisión tomada polo rexedor e puxo en valor "todo o traballo que ten Andrés Díaz como alcalde de Ponte Caldelas". "Terá todo o apoio da dirección para as súas tarefas como alcalde", asegurou após sinalar que "cada un pode ter unha distinta posición".

Pola súa banda, ao ser cuestionado sobre se a dimisión de produce polas diferenzas entre os gobernos de Ponte Caldelas e o de Vigo sobre o transvasamento do río Verdugo, o alcalde da cidade olívica asegurou que é un tema que non lle ten "maior interese". "Eu non sei que pasou", argumentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Díxolle o sobriño ao tío... ao pasar por Balaídos, fágoche socio de Río....! Mira o que son as cousas, o tío tira 12 millóns de euros, e o sobriño solicita o seu respaldo! Mentras a Acampada Contra a Pobreza leva 350 días na Praza do Rei ! http://xornal.vigo.org/xnnoticia.ph...