Temas: ARQUEOLOXíA

O galego Marcos Martinón guiará a Universidade de Cambridge en estudos de arqueoloxía

A prestixiosa universidade británica elixe a este profesor ourensán para liderar a Cátedra Pitt-Rivers de Ciencias Arqueolóxicas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/01/2018 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

O ourensán Marcos Martinón Torres vén de ser anunciado como o próximo profesor da Cátedra Pitt-Rivers de Ciencias Arqueolóxicas na prestixiosa Universidade de Cambridge. Un nomeamento que "forxa unha nova e emocionante dirección cara o desenvolvemento da análise de materiais de vangarda" así como na "práctica e filosofía da ciencia arqueolóxica como un todo", destaca o profesor Cyprian Broodbank, xefe do Departamento de Arqueoloxía desta insititución británica, quen salienta tamén os seus "profundos compromisos coas arqueoloxías de China e Latinoamérica", os cales "aumentan as nosas fortalezas en ambas as rexións do mundo".

Marcos Martinón Torres
Marcos Martinón Torres | Fonte: S.R. Estella.

Marcos Martinón Torres (Ourense, 1977) é actualmente catedrático do Instituto de Arqueoloxía do University College London —o máis grande do mundo—, presidente electo da Society for Archaeological Sciences a e coeditor en xefe do Journal of Archaeological Science. Os seus intereses de investigación céntranse na cultura material e as tecnoloxías, o contexto de innovacións e a transmisión de coñecemento, temas que aborda a través dunha combinación de estudos analíticos de materiais arqueolóxicos, experimentos e fontes históricas. 

Da Universidade de Santiago de Compostela, na que estudou, deu o salto a Londres para completar a súa formación, converténdose en 2005 no profesor titular de Arqueoloxía Científica máis novo do Reino Unido. E dende Londres comezou a explorar algúns dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do mundo: os guereiros de de Xian en China, os indíxenas do Caribe... 

"Estou encantado de ser elixido para este cargo, e espero enfrontar os moitos desafíos e oportunidades que traerá. Moitos dos descubrimentos arqueolóxicos máis importantes agora teñen lugar en laboratorios, e os métodos científicos inspiran teorías e brindan datos fundamentais para o noso traballo", dixo o profesor galego en declaracións recollidas pola propia Universidade de Cambridge.

"A arqueoloxía está a ser revolucionada por investigadores que empregan cada vez máis equipos portátiles, tecnoloxías dixitais e instrumentos avanzados e ferramentas de procesamento de datos para responder preguntas sobre o pasado. Isto aféctanos a todos, aos que nos interesan as identidades, a política, as contornas, as tecnoloxías pasadas ou calquera outra dimensión humana", engadiu.

Para o profesor galego, "Cambridge atópase nunha posición privilexiada para configurar a arqueoloxía do futuro sen límites disciplinarios ou nacionais, sen deixar de ser conscientes da nosa responsabilidade de facer que o que facemos sexa accesible a todos".

"Honrado" por unirse a un "equipo desta categoría", di que fará "todo o posible para estar á altura dos altos estándares establecidos polo profesor Martin Jones", o se predecesor neste cargo, "aproveitando os sólidos alicerces que estableceu e explorando direccións e sinerxias complementarias dentro do Departamento de Arqueoloxía e máis aló".

A Universidade de Cambridge destaca o seu "forte compromiso co ensino creativo e a formación de investigadores interdisciplinarios". 

Marcos Martinón Torres asumirá o novo cargo en outubro de 2018, tras a xubilación do profesor Martin Jones, que ocupou o posto desde 1990.

Temas: ARQUEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta