Os retos do feminismo dentro das organizacións de esquerda

Cando pensabamos que tiñamos superado algo tan simbólico e sinxelo como é o tema da paridade nun contexto político de esquerdas, a realidade volveu a darnos nos fuciños. Esta semana nos atopamos coa enésima mostra de que a igualdade real segue sen ser contemplada na política deste país.

Por Patricia Grela González | Vigo | 29/01/2018

Comparte esta noticia
Un cartaz representado por 18 homes dos 19 asistentes, entre os que se atopaban os nosos
compañeiros desatou as alarmas, e a pesar de que estes comprenderan a gravidade da situación e se dera marcha atrás na participación neste acto, non debemos esquecer o fundamental da situación.
 
Seguen a invisibilizarnos, unha e outra vez, por activa ou por pasiva, e seguimos delegando a
responsabilidade de acadar a paridade en algo tan simple como un acto público, nos demais.
 
A organización convida a distintos axentes civís e políticos e os partidos e asociacións acaban sempre enviando homes. Isto lévanos ao seguinte debate. ¿Por que acaban sendo sempre homes os líderes e representantes da esquerda? ¿Acaso non contamos con mulleres sobradamente preparadas nas nosas filas e fóra delas para asumir ese rol? ¿Ou é que o feminismo tan só constitúe un adorno nos nosos proxectos? ¿Quere dicir isto que con poñer mulleres na foto está todo superado?.
 
A necesidade de sensibilizar e formar en materia de igualdade a tódalas persoas (homes e mulleres) que formamos parte de organizacións progresistas segue a constituír un reto. Sen embargo, temos a necesidade de ir un paso máis alá, xa non falando da feminización senón da despatriarcalización da política.
 
Non se trata de figurar, nin de saír na foto, de que nos manden a actos aos que eles non queren ir, que nos visibilicen nas cabeceiras das manifestacións, nin de que cubran listas con mulleres para encher unha cota. Temos que desembarazarnos de certas condutas e comportamentos habituais, incluso nas nosas organizacións, e que seguen condenando ás mulleres á invisibilidade e a papeis secundarios, pero tamén a competir ferozmente entre nós polo pequeno anaco de pastel que nos deixan.
 
O primeiro paso debería pasar por reforzarnos como grupo, como colectivo condenado ao
ostracismo. Irmandémonos, camiñemos xuntas, todas a unha, ao mesmo tempo que defendemos a nosa diversidade. É importante non perder a visión realista e sincera e deconstruírnos honestamente, en común, sen entender a lealdade como unha aceptación acrítica a todo o que fagamos, individual ou colectivamente, só polo feito de ser mulleres.
 
A sororidade definida por Lagarde trátase de amizar a quen fomos creadas polo patriarcado como inimigas, trátase de crear unha relación cordial e afectuosa que nos permita coñecernos a través da crítica e do afecto.
 
Respectémonos e fagámonos respectar, formémonos e reivindiquemos aqueles espazos que nos foron arrebatados. Traballemos xuntas para que o feminismo deixe de ser un termo en boca de todos e pase a converterse nunha realidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Patricia Grela González Chámome Patricia Grela González e teño 26 anos. Nacín na Coruña e vivo actualmente en Arteixo, onde colaboro activamente no Círculo e pertenzo ao Consello Cidadán Municipal. Son Diplomada en Educación Social e creo firmemente en que a educación é a ferramenta para mellorar a sociedade e as persoas. Formeime do campo da Educación para a Paz e o Desenvolvemento, o consumo responsable e a Educación Ambiental. Actualmente, colaboro con Cruz Vermella no ámbito das persoas maiores, familias con dificultades sociais e infancia, aprendendo de técnicos especializados en intervención social.