Os outros incendios forestais: os causados pola electrocución de animais

Investigadores presentan o primeiro estudo feito en toda España sobre o impacto económico e ambiental dos lumes orixinados por animais electrocutados, principalmente aves. Propoñen o soterramento de liñas eléctricas para evitar estes accidentes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/01/2018 | Actualizada ás 22:30

Comparte esta noticia

Imprudencias humanas, queimas incontroladas, a acción de pirómanos, raios ou unha presunta trama terrorista incendiaria sinalada polo Goberno galego son as principais fontes que se acostuman mencionar como causantes dos incendios forestais. Porén, algúns lumes teñen outras orixes, por exemplo, a electrocución de animais. 

Ave electrocutada
Ave electrocutada | Fonte: F. Guil et al., Science of the Total Environment 625 (2018) 460–469

Un equipo de investigadores vén de presentar os resultados dun estudo, cun enfoque económico, sobre os incendios forestais en España como efectos colaterais da electrocución de vida silvestre, unha causa de ignición que os científicos consideran "subestimada". De feito, atoparon que "as especies de aves que causan incendios forestais son similares ás especies que morreron por electrocución".

O impacto económico e ambiental debido ás reparacións necesarias, a perda de biodiversidade e as emisións de CO2 representan un valor neto estimado de entre 7,6 e 12,4 millóns de euros para o período 2000-2012, e unha estimación de emisións directas de dióxido de carbono (CO2) de 1.8 x 10toneladas. o cal "indica a importancia dos custos económicos e ambientais asociados cos incendios forestais", salientan os autores da investigación.

En total, o 24% deste impacto económico relacionouse coas emisións de CO2 e o 76% restante, cos custos de recuperación.

Este impacto, aínda que "significativo", é "relativamente pequeno en comparación co custo anual dos incendios forestais en España (1.045,2 millóns de euros), que inclúe prevención, extinción e restauración, mais é un problema evitable, que depende principalmente do deseño da liña eléctrica, pero tamén de factores de paisaxe e distribución de especies sensibles", subliñan os investigadores, que consideran que "dados os usos futuros da terra e a súa sensibilidade aos incendios forestais, isto debería ser unha prioridade, tanto para impactos naturais como económicos".

Estación eléctrica con liñas de alta tensión
Estación eléctrica con liñas de alta tensión

Entre os anos 1981 e 2013 arderon en todo o Estado español 2,3 millóns de hectáreas de terras boscosas (aproximadamente o 5% do territorio). Aínda que os autores do estudo recoñecen que "non se rexistraron grandes incendios forestais debido á vida silvestre electrocutada", si advirten de que "o risco está presente e, por tanto, se debe aplicar o principio de precaución para evitar un evento maior con consecuencias desastrosas".

"Como a tendencia poboacional de grandes aves rapaces é cada vez maior, e os usos da terra son máis propensos a incendios forestais, as correccións de liñas eléctricas existentes e un deseño correcto deben ser accións prioritarias de conservación para reducir incendios forestais por electrocución", advirten os científicos.

Os datos recollidos neste estudo indican que entre 2000-2012 houbo en toda España 2.788 incendios forestais mediados por liñas eléctricas e atopáronse 30 rexistros de lumes mediados por fauna, cunha cobertura de vexetación afectada media de 9,06 hectáreas.

Os investigadores non observaron diferenzas significativas entre a cantidade de superficie afectada debido aos incendios forestais mediados pola fauna e os incendios forestais mediados por liñas eléctricas. En ambos os casos, comprobouse unha tendencia de agrupamento espacial. En termos de tendencias cambiantes ao longo do tempo, despois do primeiro incidente identificado en 2005, o número de incidentes aumentou ata 2008, ano no que a porcentaxe de incendios forestais ocasionados pola fauna se estabilizou en aproximadamente o 2,4% de todos os lumes forestais inducidos por liñas eléctricas.

A densidade de poboación e a abundancia de camiños semellan ser as variables que mellor explican os lumes mediados por liñas eléctricas, mentres que para os incendios mediados pola fauna son o uso da terra e a abundancia das aves rapaces.

Non se observaron diferenzas significativas entre as especies de aves que causaron incendios forestais e as especies de aves aneladas que morreron por electrocución. 

As especies máis frecuentes implicadas nestes sucesos foron as rapaces diúrnas, seguidas dos córvidos e as aves rapaces nocturnas.

Segundo os autores da investigación, trátase da primeira análise en España de incendios forestais e a súa incidencia económica e ambiental como resultado da electrocución de animais. 

E aínda que en España, entre 2000-2012 só o 1,22% de todos os incendios rexistrados se deberon a liñas eléctricas, e destes tan só o 2,4% foron atribuíbles a aves e outras electrocucións de animais, cun "impacto baixo" desde unha perspectiva global, os científicos consideran, sen embargo, que esa baixa incidencia "contrasta coa relevancia económica e ambiental destes eventos".

"Varias cuestións, como a identificación dos principais factores que causan que as plumas ou o pelame dun animal electrocutado se queimen, ou en que porcentaxe de electrocución ocorre a ignición, permanecen sen resposta e están máis aló do alcance deste traballo", asumen os científicos.

MEDIDAS PROPOSTAS

A ferramenta principal utilizada até agora para reducir os incendios forestais causados ​​polas liñas eléctricas foi controlar a vexetación que crece baixo os condutores. Con todo, "para os incendios forestais causados ​​pola electrocución dun animal este tipo de control é ineficaz, xa que a fauna electrocutada podería estar a varios metros dos postes", polo que "se deben considerar outras alternativas, como o illamento de cables ou as correccións estruturais de torres de alta tensión", que "axudarían a reducir os eventos de electrocución e, por tanto, a cantidade de incendios causados ​​pola fauna", argúen os responsables deste traballo.

Con todo, "está claro que medidas como o soterramento de liñas eléctricas son as máis efectivas para eliminar o risco de incendio", conclúen os científicos.

O traballo, titulado 'Wildfires as collateral effects of wildlife electrocution: An economic approach to the situation in Spain in recent years', vén de ser publicado na revista Science of The Total Environment e está asinado por investigadores do departamento de Ciencia Animal da Universitat de Lleida, do Instituto de Ecoloxía e Evolución da Universidade de Berna (Suíza), da empresa Tragsate (Grupo Tragsa) e da Subdirección General de Medio Natural do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente.

Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta