A Xunta impulsa as autorizacións de cortas madeireiras logo da vaga de lumes de outubro

Acurtanse prazos e trámites para aqueles aproveitamentos relacionados con especies pirófitas como piñeiros, eucaliptos ou acacias. Estes cambios implicarán, segundo a Xunta, “importantes beneficios para un sector tan relevante para moitos galegos como é o forestal”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/01/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural quere simplicar o réxime de autorizacións dos aproveitamentos forestais. Unha decisión que chega logo da terrible vaga de lumes do pasado outubro. O obxectivo é, segundo o Goberno galego,  que os propietarios dos montes poidan executar as cortas de forma máis áxil e sen ter que realizar xestións ante distintas administracións.

Máquina cortando eucaliptos
Máquina cortando eucaliptos

Precisamente, a maior novidade na normativa é a incorporación dunha xanela única e telemática ante o cal se presentarán todas as solicitudes de cortas á marxe das afeccións de dominio público que poidan implicar (augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural). Será Medio Rural a que contacte co resto de departamentos implicados para que emitan os respectivos informes nun prazo máximo de dous meses.

“Isto supón un importante avance xa que ata o de agora estas autorizacións podían tardar ata seis meses, segundo a Administración implicada”, sinalan desde a Xunta. Outra vantaxe, segundo recolle o decreto, será na redución de taxas, xa que o titular do monte só terá que facer un único pagamento ante a Xunta e non en cada unha das institucións competentes.

MENOS TEMPO

Para aqueles terreos que non estean suxeitos a unha protección especial, o avance é tamén destacado, xa que se substitúen as autorizacións e comunicacións previas, que podían tardar entre sete e 15 días, por unha declaración responsable do titular. Este novo concepto estará vinculado a aqueles aproveitamentos relacionados con especies pirófitas como piñeiros, eucaliptos ou acacias. 

Plantación de eucalipto
Plantación de eucalipto | Fonte: greenpeace.org

Deste xeito, o propietario presentará un documento polo que afirma a posesión do terreo e, como tal, asume a súa responsabilidade. Será un trámite practicamente instantáneo a través da presentación desta declaración.

NOVA PLATAFORMA TELEMÁTICA

Precisamente para executar todos estes trámites preténdese elaborar unha nova plataforma tecnolóxica en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) que funcionará a modo desa xanela única.

Todos estes cambios, que se prevé que estean listos no primeiro semestre do ano, implicarán, segundo a Xunta, “importantes beneficios para un sector tan relevante para moitos galegos como é o forestal”. Anualmente realízanse en Galicia arredor de 75.000 aproveitamentos madeireiros cun movemento duns 8 millóns de metros cúbicos de madeira. “Os datos evidencian a relevancia dos recursos forestais na nosa Comunidade, que xeran riqueza e emprego no ámbito local entre os propietarios do monte, que no 98% corresponde a titulares privados”, din desde Medio Rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta