Por Galicia Confidencial | Santiago | 14/01/2011 | Actualizada ás 20:59
En 2006 o Parlamento de Galicia pagou 60.000 por unha estatua do coñecido arquitecto e escultor compostelán Fernando Blanco. GC presenta agora as fotografías que demostran que a obra de arte atópase nun vertedoiro, no Milladoiro, límite entre os concellos de Teo e Ames.
Primeiro éxito de GC Aberto
A publicación destas fotos é produto do lanzamento de GC Aberto, o novo sistema de Galicia Confidencial que permite aos lectores subir noticias directamente. Foi un usuario de GC quen primeiro localizou a creación tirada no lixo.
A estatua comprouse como parte dos actos do 25º aniversario da Cámara Galega. Malia que a Xunta dispón de numerosos museos de arte contemporánea (por exemplo o CGAC, situado a 10 minutos do Parlamento), o Parlamento preferiu botala ao lixo no lugar de restaurala para que seguise sendo parte do patrimonio público. Cómpre lembrar que as obras de arte acostuman a gañar valor co paso dos anos.
O PSOE mercouna, o PP desfíxose dela
O PSOE tiña a presidencia do Parlamento cando se adquiriu a estatua. Segundo declarou a empresa que a fabricou e instalou a El País, en 2008 fíxose unha inspección e presentouse un plan de mantemento.
Con todo, a nova presidencia da Cámara, nas mans do PPdeG, decidiu finalmente desfacerse da obra de Fernando Blanco. O diario informou que o Parlamento alegaba que a estatua estaba "podre" e era irrecuperábel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.