Temas: CORREOS CRISE

A lenta agonía de Correos

CCOO denuncia a situación de risco extremo do servizo público postal e asegura que é un dos que ten menos recursos da Unión Europea. Anuncia que no primeiro trimestre do ano iniciará un proceso de mobilizacións.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 29/01/2018 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

O servizo público postal esmorece. Correos recibiu en 2017 un total de 52 millóns de euros, 128 millóns menos, máis de dous terzos inferior, ao recibido en 2016. Un financiamento co que Correos asume o custo deficitario dun servizo público que ningún operador privado presta e que comezan a sufrir cidadáns do ámbito rural e de zonas non urbanas coa perda de calidade. Por iso, os sindicatos alertan da “extrema situación de risc”o na que se atopa esta empresa pública

Carteiro de correos
Carteiro de correos

Ademais deste brutal recorte, o Goberno central adebédalle ás arcas contables deste empresa pública uns 260 millóns de euros e carece, ademais, dun Plan Estratéxico xa que se rixe por un Plan de Prestación do Servizo Postal Universal pendente de definir desde fai dez anos.

NO FURGÓN DE COLA DA UE

Deste xeito, recentes informes de organismos como a CNMC ou o Tribunal de Contas sitúan a Correos no furgón de cola na Unión Europea na relación número de cidadáns atendidos por traballador (só dous Estados dos 28 da UE contan con menos traballadores por cidadáns que España), en número de cidadáns por oficina postal (España ocupa o quinto peor posto dos 28 Estados da UE), en caixas de correos por cidadán (só un Estado ten peores cifras que CORREOS) ou por deterioración da calidade do servizo prestado aos cidadáns.

“Estamos nunha situación lamentable e insostible pola crecente deterioración da prestación dun servizo público ao que o Goberno está a abocar a Correos”, indicou Amador González, portavoz do Sector Postal de CCOO de Ourense. Así, denuncia a insuficiencia de persoal (17.000 persoas desde 2007), a precarización de emprego e a desregulación das condicións laborais.

Protesta en Correos
Protesta en Correos | Fonte: CGT.

Por iso, desde CCOO –sindicato maioritario en Correos--, anuncia que iniciarán un proceso gradual e crecente de mobilización e accións parlamentarias ao longo de 2018 en todo o Estado para que o Executivo español “rectifique”.

PRESIÓN DOS OPERADORES PRIVADOS

Este sindicato cre que ningún orzamento desta empresa pública pode estar por baixo dos 200 millóns de € e ademais, segundo datos do Tribunal de Contas, o Estado débelle preto de 260 millóns, “consignados nos PGE e pendente liquidar en concepto de financiamento de anos anteriores ao recorte”.

CCOO denunciou igualmente o bloqueo, por parte de Facenda, do Plan Estratéxico aprobado por Correos en xullo pasado co fin de acometer un cambio de modelo empresarial ante un mercado postal cunha constante caída da carta tradicional, da que aínda depende nun 80%, e un incremento constante da paquetería, na que a empresa postal pública ten unha presenza minoritaria. Unha situación provocada pola “presión dos operadores privados”, verdadeiro monopolio do sector loxístico, cun 87% de cota de mercado, que está a impedir a Correos entrar nun sector con crecementos anuais do 20% de negocio.

Temas: CORREOS CRISE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta