Temas: DIANA QUER TVG

O director da CRTVG di que a cobertura do caso de Diana Quer foi "acertada" e "sen morbo"

En Marea criticou a gran cantidade de información sobre este tema nos medios públicos e criticou que se emitira a visita da muller e e filla do 'Chicle' á prisión.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 30/01/2018 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu que, aínda que nunha cobertura "tan urxente e ampla" como a do caso de Diana Quer poidan darse "erros individuais e mesmo colectivos", o labor dos medios públicos foi "acertada e completa".

Alfonso Sánchez Izquierdo
Alfonso Sánchez Izquierdo | Fonte: Europa Press

"As imaxes difundidas evitaron o sensacionalismo e o morbo", proclamou o director xeral en resposta á deputada de En Marea Paula Vázquez Verao, que criticou noticias emitidas que, ao seu modo de ver, "non teñen interese informativo" --como as visitas da muller e da filla do 'Chicle' a este en prisión--. A parlamentaria de En Marea tamén apelou a realizar, de forma xenérica, "unha reflexión" sobre a necesidade de realizar un tratamento adecuado dos casos de violencia machista.

Sánchez Izquierdo trasladou "a súa solidariedade e proximidade" á familia de Diana Quer e defendeu a cobertura do caso por parte dos medios públicos, axustándose "aos criterios éticos da profesión" e fuxindo "do sensacionalismo, do morbo e do dramatismo" e informando "con rigor por encima da urxencia".

"Descartamos testemuños que entendemos que non achegaban e as grandes referencias foron fontes oficiais e expertas", esgrimiu, antes de engadir que, aínda que se tentou "discriminar" no tratamento entre a vítima e o autor confeso, tamén se buscou respectar os dereitos deste, que aínda non foi condenado.

NON SE FIXERON "DESCRICIÓNS ESCABROSAS"

Sánchez Izquierdo engadiu que non se realizaron "descricións detalladas ou escabrosas" nin se emitiron imaxes "morbosas". De feito, esgrimiu que "unha das persoas máis afectadas pola cobertura" chegou a trasladar a un traballador o agradecemento polo tratamento que os medios públicos galegos estaban a facer do caso.

Finalmente, asegurou que discrepa coa parlamentaria de En Marea na súa percepción de que "non é relevante" informativamente unha visita da muller e filla do 'Chicle' a este, aínda que remarcou que o rostro da menor foi pixelado.

De forma xenérica, explicou, ademais, que na CRTVG realízanse informes periodicamente sobre o tratamento de caos de violencia machista que son presentados ante o consello de administración e que se emitiu unha circular aos traballadores con recomendacións e directrices para abordar este tipo de informacións.

AUDIENCIA

Na mesma comisión, preguntado por José Balseiros Guinarte (PP), o director xeral defendeu os bos datos de audiencia da TVG, na programación de nadal e desde unha perspectiva global, e o seu "liderado absoluto" entre as televisións autonómicos.

"En 2017 acabamos cun 10,4% de audiencia na primeira canle", relatou, antes de incidir en que este primeiro mes do ano a cota poderíase achegar ao 11%.

"Satisfeito cos resultados, pero inquieto polo futuro", apelou a non relaxarse e "reforzar os esforzos", á vez que incidiu en que, dadas as novas plataformas de contido, hai que facer "un reenfoque" para adaptarse aos cambios que se rexistran no mundo audiovisual. "Pero calquera canle desexaría partir dunha posición como a nosa para o que vén", asegurou. En canto á Radio Galega, defendeu que tamén se están realizando "esforzos" para ir "máis aló do que foi a radio tradicional" en cuestións como o 'streaming', por exemplo.

Temas: DIANA QUER TVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta