Temas: LALíN COCIDO

Lalín celebra o 50 aniversario da Feira do Cocido cunha homenaxe á lingua e cultura de Galicia

A lectura do pregón correrá a cargo do presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O municipio pontevedrés de Lalín celebra este domingo, día 4 de febreiro, o 50 aniversario da Feira do Cocido cunha homenaxe á lingua e á cultura de Galicia a través de distintos actos como a lectura do pregón, que realizará o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes.

Presentación en Santiago da Feira do Cocido de Lalín
Presentación en Santiago da Feira do Cocido de Lalín | Fonte: Europa Press

"É un símbolo da defensa que queremos facer da nosa lingua e dos nosos signos de identidade como país", destacou o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, este mércores en Santiago de Compostela, a onde se desprazou parte da corporación local deste municipio para presentar o evento gastronómico xunto ao alcalde da capital galega, Martiño Noriega.

Na súa intervención, Rafael Cuiña explicou que, para celebrar este 50 aniversario, o Consistorio que dirixe optou por "volver á tradición" para pór en valor o labor de todas aquelas persoas que converteron a Feira do Cocido de Lalín nun dos eventos gastronómico de maior relevancia de Galicia.

Este xiro á tradición da festa que tivo como primeiro pregoeiro a Álvaro Cunqueiro, entre outras cuestións, pódese ver na elección do cartaz que este ano ilustra a este evento declarado de interese turístico nacional, protagonizado por unha pintura do artista Laxeiro. Ademais, o grupo de música tradicional Treixadura será o encargado de pór música a este día grande do cocido en Lalín.

MÁIS DE CEN ACTIVIDADES

Con todo, Rafael Cuiña explicou que durante todo o Mes do Cocido, do 20 de xaneiro ao 14 de febreiro, tamén se celebrarán actividades postas en marcha nos últimos anos, como o III Codido do Orgullo, que busca dar visibilidade ao colectivo LGTBI.

Esta é unha das máis dun centenar de actividades coas que o Concello de Lalín celebra o Mes do Cocido, durante o que os interesados poden acudir a calquera dos 25 establecementos que ofrecen este manxar tradicional de Galicia.

Para promocionar a Feira do Cocido que este domingo se celebra en Lalín, o Concello habilitou unha 'foodtruck' na Praza do Obradoiro, na que as corporacións locais de Santiago e Lalín, así como todos as persoas que se achegaron ao longo da mañá deste mércores, puideron degustar algúns dos produtos do cocido, como o caldo, a empanada, o chourizo ou as filloas.

Temas: LALíN COCIDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta