A Xunta "vai recorrer, sen ningunha dúbida", a suba da luz polo canon eólico

O BOE publicou este martes unha orde que obriga a Galicia a repercutir este e outros impostos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este mércores que a Xunta "vai recorrer, sen ningunha dúbida", a decisión do Ministerio de Energía de repercutir na factura da luz dos consumidores galegos o canon eólico que no ano 2013 se cobrou ás empresas do sector.

Parque eólico de Malpica
Parque eólico de Malpica | Fonte: Europa Press

Estas declaracións prodúcense por mor da publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), este martes, dunha orde do Ministerio que advirte da suba da factura da luz nas comunidades nas que en 2013 se gravou a actividade eléctrica. En Galicia ese ano cobrouse o canon eólico ás empresas do sector polo impacto visual e ambiental dos aeroxeradores.

Antes de participar na apertura da 19 edición da Feira Internacional de Turismo Gastronómico 'Xantar', que se celebra entre o 31 de xaneiro e o 4 de febreiro en Ourense, Rueda afirmou que o canon eólico "non é un tributo por consumo eléctrico", polo que "non hai razón para que se decida que hai que repercutilo na factura eléctrica".

Rueda lembrou que este imposto "permitiu que concellos galegos se beneficiasen de millóns de euros para facer obras relacionadas co medio ambiente" e insistiu en que se finalmente se aplicase na factura eléctrica dos galegos a Xunta "vaino a recorrer". "Non estamos de acordo e non é unha decisión adecuada", resolveu.

A ORDE

A orde publicada no BOE non só recolle o canon eólico para o caso de Galicia, senón tamén o de saneamento e o imposto sobre contaminación atmosférica e sobre o dano ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga embalsada.

Como mecanismo de fixación dos suplementos territoriais establece que se fixarán os concretos valores destes para cada unha das comunidades autónomas.

A CIG

Pola súa banda, a CIG, a través dun comunicado tamén remitido este martes, censurou que os galegos teñan que "pagar máis impostos" na tarifa eléctrica, e volveu esixir unha propia para Galicia.

Segundo o ex-deputado do BNG Fernando Branco, responsable do sector de enerxía do ámbito de industria da central nacionalista, a orixe de todo isto é "unha norma aprobada polo PP en 2012, cando tiña maioría absoluta, pola que se di que o que pagaron as empresas eléctricas téñeno que recuperar e que, para iso, gravarase cun suplemento aos galegos por valor desa cantidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta