Temas: BNG PSDEG

Morre Domingos Merino, o primeiro rexedor nacionalista dunha gran cidade

Iniciou a súa carreira no PSG e pasou por UG, o Colectivo Socialista Galego, Esquerda Galega, Unidade Galega e o BNG. Foi un recoñecido defensor da cultura e da lingua do país nun momento difícil da política de Galicia.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 31/01/2018 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

O político Domingos Merino faleceu este mércores aos 78 anos logo de varios anos loitando contra o Párkinson. Foi o primeiro rexidor nacionalista dunha gran cidade galega, A Coruña, durante a Transición, nas filas de Unidade Galega, entre 1979 e 1981.

Domingos Merino, como rexedor da Coruña
Domingos Merino, como rexedor da Coruña | Fonte: FB Homenaxe a Domingos Merino

Merino comezou nos anos 70 a súa carreira política no PSG, encabezando a lista coruñesa da coalición Unidade Galega para as eleccións municipais do 3 de abril de 1979. UG obtivo 5 concelleiros, un menos que o PSdeG-PSOE, pero foi elixido alcalde a cambio do apoio de UG aos candidatos socialistas en Vigo e Ferrol.

Trala integración de UG no BNG e posterior abandono en 1983, o PSG desintégrase. Nace así o Colectivo Socialista Galego, que participará na Asemblea de Riazor que constituíu o BNG, mentres que Domingos Merino e Claudio López Garrido pasarán a liderar o PSG, que se fusionará en 1984 con Esquerda Galega para dar lugar ao PSG-EG. Chegou a ser secretario xeral deste partido e deputado no parlamento galego na terceira lexislatura dende outubro de 1991.

A principios dos 90 impulsa Unidade Galega, e tralos malos resultados nas eleccións xerais e autonómicas de 1993, Merino intégrase xunto con esta formación no BNG. Polo BNG foi de novo deputado no parlamento galego na quinta e na sexta lexislatura. En 2005 fíxose cargo da vicevaledoría do Pobo, a proposta do BNG, cargo ao que renunciou en 2012 por motivos de saúde.

Do seu labor no Concello destaca a convocatoria de plenos pola tarde para que acudisen os veciños, ademais de ser o primeiro dos grandes rexedores en utilizar públicamente o galego. 

CONDOLENCIAS

"Foi sempre un defensor das liberdades tanto desde o Palacio de María Pita como noutros cargos públicos que ostentou ao longo da súa vida", sinalan desde o Concello da Coruña na súa nota de condolencia, na que traslada a súa pésame á familia e aos seus achegados.

Tamén o BNG trasladou as súas sentidas condolencias a familiares e amigos e salientou a súa enorme calidade humana e política. “Home dialógante, sereno e honesto, un galego de nación que amou e defendeu ao seu país”, dixo a portavoz nacional, Ana Pontón, quen trasladou todo o recoñecemento do Bloque a este político do barrio coruñés de Montealto, “un dos bos e xenerosos”.

Temas: BNG PSDEG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta