Peche do comité de Meirama ante a falta de compromiso para manter esta central térmica

Os traballadores porán fin ao peche esta noite. Esixen a Gas Natural Fenosa o anuncio do investimento prometido hai xusto agora tres anos para adaptar a central á nova directiva europea antes de 2020. O comité tamén reclama a implicación da Xunta e do Goberno central e non desbota maiores medidas de presión.

Por Galicia Confidencial | Cerceda | 01/02/2018 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O comité de empresa da central térmica de Meirama decidiu este xoves iniciar un peche no Concello de Cerceda para esixir os investimentos necesarios para manter a actividade e garantir a continuidade do emprego (uns cen postos de traballo). Un peche que, segundo comunicou, prevé pechar na noite deste xoves, cando o pleno, que comeza ás 20,00 horas, aprobe --como é presivible-- unha moción en apoio á central.

O comité de empresa da central térmica de Meirama, no seu peche no Concello de Cerceda para esixir o investimento que asegure a continuidade da central máis aló de 2020.
O comité de empresa da central térmica de Meirama, no seu peche no Concello de Cerceda para esixir o investimento que asegure a continuidade da central máis aló de 2020.

Así o comunicou o presidente do comité, Bautista Vega, en declaracións a Europa Press, na que sinalou que, após esta actuación, os traballadores esperan que Gas Natural Fenosa anuncie que executará os investimentos necesarios para garantir o futuro da planta.

"Esperamos que non sexa necesario, pero, se non, haberá máis mobilizacións, e implicando a máis sectores", advertiu. A central está pendente de accións que permitan unha redución das emisións contaminantes á que obriga Europa.

PECHE ESTA MAÑÁ

O peche, que se iniciou esta mañá, é un primeiro aviso do comité á empresas e as administracións públicas para que aseguren o futuro desta central térmica máis aló de 2020. Un futuro que pasa por anunciar e asegurar os investimentos necesarios para que a central se adapte á nova directiva europea de emisións industriais, explicou a este xornal o presidente do comité de empresa, Bautista Vega Tato.

Este encerro, que se prolongorá ó longo deste xoves, prodúcese cando se cumpren xusto tres anos do anuncio por parte da empresa —Gas Natural Fenosa— e da Xunta de Galicia de que se iniciaría a tramitación ambiental e o desenvolvemento das accións necesarias para adaptar a central á directiva europea, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2016.

Porén, e pasados estes tres anos, non se concretou ningún investimento. A só dous anos do límite estipulado pola directiva europea, o comité xa non vai agardar máis. Por iso decidiu pecharse este xoves no Concello de Cerceda como un primeiro aviso, pero non desbota realizar outras accións se non se soluciona inmediatamente o futuro da central.

"A dirección da empresa dinos que eses investimentos necesarios para asegurar o futuro da central non están desbotados, pero os prazos van correndo e entendemos que é necesario anunciar xa ese investimento", explica Bautista Vega Tato, tras as reunións mantidas entre comité e directivos.

A única esixencia do comité, apunta Vega, é "que se constrúa o que esixe a lexislación antes de 2020", isto é, "as plantas de desnitrificación e desulfuración", necesarias para limitar a emisión de óxidos de xofre, nitróxeno e partículas na central de carbón. Pero tralo anuncio, o 30 de xaneiro de 2015, de que se farían os investimentos necesarios, "botáronse atrás", lamena Vega.

Da parte das administracións públicas autonómica e estatal, o comité di non ter ningunha nova. "Non sabemos nada deles", aseguran. "Esperamos que a Xunta de Galicia faga presión, porque no ano 2015, o señor Feijóo saíu anunciando o investimento ante os medios, xunto co anterior presidente da empresa [Salvador Gabarró]. E agora non sabemos nada del. Queremos que tamén presione e esixa que se faga ese investimento", demanda o comité.

De non anunciarse ese investimento, non desbotan un peche indefinido e outras medidas de presión, recoñece a GC Bautista Vega Tato. "De momento, este é un primeiro acto; todo dependerá das reaccións da empresa e das administración", di.

O comité non desbota tampouco pedir unha reunión co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde López. E solicita tamén un paso adiante do Goberno español.

O comité tamén demanda do Concello de Cerceda que aprobe unha moción en apoio á continuidade da actividade e do emprego.

Outras medidas que contempla o comité, de non chegar cedo o agardado anuncio dos investimentos, serían "implicar a todas as empresas auxiliares para exercer máis presión" nas reivindicacións.

O comité advirte que de Meirama dependen 100 postos de traballo directos, outros tantos das auxiliares e os negocios xerados arredor da empresa.

Mentres, Gas Natural fenosa segue esfollando a margarida sobre que pasará con Meirama a partir do 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta