A Xunta tarda tres meses en informar sobre as axudas dos lumes

Di que recibiu 1.275 peticións e prevé acabar de resolvelas antes de xullo. Un total de 14 dos 15 solicitantes das axudas por danos persoais cobraron en xaneiro e a persona que falta o fará "de inmediato".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2018 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Goberno galego fixouse como "tope" o obxectivo de ter resoltas no primeiro semestre deste ano todas as solicitudes formuladas por mor da vaga de incendios que afectou a Galicia a mediados de outubro. En total, rexistráronse 1.275 peticións, cuxo custo superaría os 22 millóns de euros, á marxe doutras actuacións directas que poida acometer a Xunta.

Consello da Xunta do 2 de febreiro de 2018
Consello da Xunta do 2 de febreiro de 2018 | Fonte: Europa Press

O Consello da Xunta, que presidiu este xoves o vicepresidente, Alfonso Rueda, dado que o titular do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, se atopa de viaxe en Israel, analizou un balance da tramitación das axudas activadas por parte da Administración autonómica para facer fronte aos danos ocasionados polos lumes. "E apenas tres meses despois de que se abrise o prazo para pedir as axudas e pouco despois de que finalizase, algunhas xa están tramitadas, resoltas e aprobadas", reivindicou.

Rueda, quen incidiu en que hai disposición por parte da Xunta a ampliar o orzamento inicial previsto se fose necesario, explicou que na resolución de axudas priorizouse o pago "primeiro ás persoas que sufriron danos persoais ou perderon a familiares" por mor do lume, e tamén aos cidadáns que viron afectadas as súas vivendas.

A partir de aí, atenderase aos danos en instalacións industriais, entre outros, e tamén a paliar aqueles gastos derivados da extinción nos concellos. En total, das nove liñas de axudas activadas, hai 1.275 peticións, algunhas que aínda será necesario revisar. Rueda garantiu que esta cifra disipa "calquera dúbida que puidese haber" sobre as "supostas dificultades" para optar ás subvencións e engadiu que "ninguén quedará sen unha axuda por presentar mal un papel".

14 DE 15 ABONADAS PARA DANOS PERSOAIS

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

No que respecta ás axudas destinadas ás persoas que sufriron danos ou lesións e aos que perderon aos seus familiares por mor dos incendios, o vicepresidente indicou que, das 15 solicitudes presentadas, en 14 dos casos xa se cobraron as axudas e, no caso restante, efectuarase o pago "de inmediato".

En relación ás vivendas afectadas, afirmou que as primeiras axudas nesta materia xa foron abonadas. En concreto, aquelas activadas para subvencionar o aloxamento provisional das familias que perderon as súas vivendas por mor dos incendios. En total, ascenden a case 30.000 euros, cos que se está facilitando que un total de sete familias poidan facer fronte aos gastos de aluguer.

Neste ámbito existe outra orde de axudas, dotada inicialmente con dous millóns de euros, para subvencionar a reparación dos danos producidos nas casas por mor dos lumes. En concreto, o prazo de admisión de solicitudes finalizou este mesmo mércores, rexistrándose 158 peticións que están a ser revisadas.

OUTRAS INSTALACIÓNS E ESTABLECEMENTOS

Respecto das axudas destinadas a instalacións deportivas e turísticas, as solicitudes atópase en fase de estudo e disponse até finais de abril para que se dispoñan.

En concreto, reservouse unha partida de 100.000 euros para as asociacións, clubs e entidades deportivas que sufriron danos nas súas instalacións. Con todo, rexistráronse tan só cinco solicitudes que suman algo menos de 60.000 euros. Neste sentido, Rueda lembrou que o remanente se poderá destinar a outras axudas nas que a dotación se esgote, do mesmo xeito que se poderá ampliar o crédito no caso de que sexa necesario.

No ámbito turístico, recibíronse 12 solicitudes de titulares de establecementos afectados e concellos cuxa sinalización se viu afectada --por un importe conxunto de 129.000 euros-- e dende a caza (40 solicitudes destinadas a atender os gastos de recuperación e protección dos recursos cinexéticos, por 475.000 euros).

No que respecta ás axudas para recuperar e reconstruír establecementos comerciais, mercantís e industriais, rexistráronse 27 peticións cuxo importe supera o cinco millóns de euros.

ORDE CON MÁIS PETICIÓNS

Con todo, a orde que rexistrou un maior número de solicitudes --case un milleiro-- é a que xestiona a Consellería de Medio Rural, que está destinada a paliar os danos en pistas, captación de augas, madeira queimada e explotacións agrícolas, entre outros obxectivos. O seu valor conxunto supera o cinco millóns de euros.

CASE 60 CONCELLOS PIDEN AXUDAS

En relación aos concellos, Rueda asegurou que a Xunta xa dispón da relación dos danos producidos nos seus municipios coa súa correspondente valoración, despois de solicitar os datos necesarios a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Isto, segundo argumentou, permitirá subscribir os convenios que determinarán as axudas a outorgar polas distintas administracións.

"Son 57 concellos os que piden axudas", concretou Rueda, quen indicou que a maioría se concentran nas provincias de Ourense e Pontevedra. En concreto, declaran danos e gastos producidos por case seis millóns de euros, dos que 3,7 encaixan nos criterios da orde para ser subvencionables.

O Goberno galego abordará coas deputacións e co Executivo central de que forma se establece a colaboración para facer fronte a estas axudas. Rueda adiantou que a Xunta está disposta a sufragar até o 50 por cento destes investimentos e a asinar convenios coas outras administracións para que se fagan cargo da outra metade.

Os concellos, entre tanto, empezan a pronunciarse. É o caso das Neves (Pontevedra), que se considera 'zona cero' dos lumes daquela fin de semana, cuantificou e calibrou: un "problema ambiental e social inesperado" derivado das cubertas e tellados de uralita das construcións calcinadas que polo menos supón un custo de 150.000 euros.

O Concello das Neves, que dirixe Xosé Manuel Rodríguez Méndez (BNG), identificou este "problema", que xorde da expansión territorial da uralita, un material de uso moi común non só neste municipio, senón nas cubertas de tellados de vivendas, galpóns, galiñeiros e outro tipo de construcións nas aldeas de toda a xeografía galega.

Segundo indicou no seu día a Europa Press o rexedor, esta problemática "ambiental e social inesperada" foi trasladada con estas mesmas palabras por parte do rexedor das Neves a través dunha carta á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

OUTRAS ACCIÓNS

Ademais destas liñas de axudas, Rueda explicou que a Xunta xa realizou ou leva a cabo actuacións directas para reparar os danos dos incendios. Así, a Consellería do Medio Rural xa tramitou encomendas de xestión por tres millóns de euros para a recuperación do potencial forestal en zonas afectadas polos incendios.

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente xa aprobou a declaración de emerxencia para facer fronte aos danos producidos no Parque natural da Baixa Limia e na Reseva dos Ancares.

En Industria, continuou Rueda, asinouse un convenio coa Fundación AON para a asistencia e colaboración en materia de seguros para os damnificados e, en Infraestruturas, levaron a cabo obras de emerxencia para reparar un total de 10 estradas.

Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Voluntarios en Vigo colaboran na extinción dos lumes na cidade, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta