Compostela avanza cara a municipalización do servizo de augas

O Concello crea unha comisión de traballo para avaliar o modelo de xestión do servizo de abastecemento. O contrato coa actual concesionaria expira na primavera de 2019.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/02/2018 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago creou unha comisión de traballo para avaliar o modelo de xestión do servizo de abastecemento de auga na capital galega. O actual contrato de prestación --adxudicado a Viaqua-- expira na primavera do ano que vén, coincidindo co fin do mandato, e o goberno local non agocha que a súa intención é estudar a xestión directa do servizo.

Martiño Noriega
Martiño Noriega

"A ninguén se lle escapa que hai esa intención", confesou este venres o alcalde, Martiño Noriega, que matizou a municipalización de servizos "é un tema complicado", como demostra a recuperación da xestión da ORA e o guindastre municipal, aprobada en pleno pero paralizada por procesos xudiciais.

Deste xeito, o Concello nomeou un grupo de traballo que encargará dúas auditorías; unha para avaliar a situación do contrato desde o punto de vista económico e outra orientada aos aspectos técnicos da prestación do servizo. Este último será elaborado por Emalcsa, empresa municipal de xestión da auga na Coruña.

O director da área de Espazos Cidadáns e Urbanismo, Ignacio Pechada, será o interventor nunha comisión que completan, en palabras de Noriega, persoas "de confianza" e con "demostrada solvencia técnica". Nela figuran os concelleiros Xan Duro e María Rozas, así como o xefe de gabinete do goberno local, Miguel Penas, e os responsables das áreas de contratación, obras, persoal e asesoría xurídica.

O obxectivo deste grupo de traballo é elaborar "unha foto fixa" do servizo de augas na capital galega para estudar "que modelo de xestión" é máis adecuado, aínda que o Goberno compostelán non esconde que aposta pola asunción directa do mesmo, como xa indicou en varias ocasións Noriega en liña cunha das promesas electorais de Compostela Aberta en 2015: a municipalización de servizos.

EXPERIENCIA EN TEO

A recuperación para xestión directa da rede de abastecemento de augas non é algo alleo ao alcalde santiagués, quen, na súa etapa como rexedor de Teo (A Coruña), xa levou a cabo un proceso similar que desenvocou na municipalización do servizo en novembro de 2015, xa con Noriega fóra do consistorio logo de apostar por encabezar a candidatura de Compostela Aberta en maio dese mesmo ano.

Martiño Noriega recoñece que a municipalización de servizos é "un tema complicado", aínda que supón "un reto" que, ademais, coincidirá no tempo co fin do actual mandato municipal e a cita coas urnas nas que Compostela Aberta aspirará a renovar o seu goberno.

Así, instou a "enfocar con rigor" un proceso no que o consistorio compostelán ten depositado "moito interese", xa que supón unha oportunidade para xestionar doutra forma "un recurso ambiental" como a auga, que, ante as incidencias do "cambio climático", cobrará maior importancia nos próximos anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Cidadanía Incumpridora SL

Osti tu crearon unha comisión daquela si que a cousa xa non se vai facer nunca xamais. Unha cidade pequena non lle é rentable adquirir en solitario todo o material e o persoal para ocuparse dunha rede de auga. Se cadra Vigo, o resto tería que ser entre varias ou a Xunta. E contando con que os ruturistas tamén van romper esta promesa.

1 ramiro de yoli

Mentres tanto en Ferrol, o alcade de Izquierda Unida, nos aplica a tasa do PP