Islandia, paraíso do xornalismo libre?

Algo grande está pasando en Islandia. A illa foi o mellor exemplo da fraxilidade dun sistema económico e financeiro de base especulativa e irreal; en outubro de 2009 os seus tres bancos principais (que multiplicaban por dez o PIB do país) declaráronse en bancarrota; a Bolsa suspendeu a súa actividade cando os seus valores afundiron máis dun 70% e a coroa islandesa perdeu máis da metade do seu valor. O país cos mellores índices de calidade de vida do mundo quebrou. Islandia non podía facer fronte aos seus acredores e Gran Bretaña aplicoulle a lei antiterrorista para conxelar os movementos dos seus bancos; colocaron a Islandia canda a Corea do Norte, Sudán ou Al-Qaeda.

Por Marcos Pérez Pena | Santiago | 18/01/2011

Comparte esta noticia

A reacción cidadá tardou uns meses en agromar, pero ao cabo foi contundente. A socialdemócrata Jóhanna Sigurðardóttir formou goberno cun moi esquerdista Partido Verde e o Partido Progresista, nun parlamento dominado amplamente polos grupos que apostaban por unha fonda mudanza do sistema. A alcaldía de Reykjavík foi gañada polo Best Party, unha curiosa formación integrada fundamentalmente por artistas. As políticas públicas islandesas caracterizáronse nos últimos meses polo rexeitamento a pagar as débedas contraídas polo Estado con bancos e países foráneos, a extensión dos dereitos civís e a persecución dos responsables dos bancos nos anos previos á bancarrota.

Neste contexto, no que tamén se prepara unha nova Constitución para o país, xorde a Icelandic Modern Media Initiative (IMMI). Trátase dun conxunto de modificacións lexislativas, aprobadas por unanimidade polo parlamento islandés o pasado mes de xuño, destinadas a converter a Islandia nun 'paraíso' para o exercicio do xornalismo e para aqueles colectivos que, como Wikileaks, queiran facer publica información ocultada polos poderes públicos e privados. Trátase, en certa medida, de aplicar o mesmo concepto de 'paraíso fiscal', pero dándolle a volta, de xeito que se os paraísos fiscais se basean na opacidade para favorecer os movementos especulativos de capital, a IMMI pon o énfase na transparencia, no acceso á información, para conseguir sociedades máis libres e democracias máis reais. Trátase, en definitiva, de aproveitar e de axustarse a un novo tempo no que Internet fai inútiles as fronteiras nacionais, polo que calquera pode difundir as súas informacións en calquera país do mundo aínda que a redacción na que as elabore ou os servidores que lle permitan almacenala e comunicala estean noutro.

A IMMI, que conta co asesoramento de xuristas e xornalistas de todo o mundo, incluíndo unha colaboración moi estreita cos responsables de Wikileaks, parte das lexislacións máis avanzadas na protección do dereito á información (como a sueca ou a belga) pero busca completalas e ir máis aló. Na proposta inclúense medidas para protexer os provedores de servizos de Internet que aloxen os datos, leis para protexer o segredo das fontes e os whistle-blowers ou gorxas profundas que filtren informacións, normas para evitar o prior restraint (unha caste de censura previa para certos temas incómodos) ou o libel tourism (polo que os actores poderosos buscan xulgar a medios e xornalistas naqueles lugares nos que a lexislación é máis dura). Ademais, institúese o Icelandic Prize for Freedom of Expression, unha caste de Premio Nóbel do xornalismo. A IMMI necesita a modificación ou a aprobación de 13 leis, polo que se prevé que o proceso completo dure ao redor dun ano, completándose a mediados de 2011.

Grazas a Internet a difusión de información xa non está restrinxida polas leis dos Estados-nación. Por suposto isto funciona en teoría, pois calquera país, como fai habitualmente China, pode restrinxir o acceso á rede, e os xornalistas poden ser perseguidos nos países con lexislacións máis duras. A IMMI recibiu críticas neste sentido, pois moitas lexislacións nacionais, xa adaptadas ás novas realidades dixitais, como a británica e a australiana, consideran que a publicación na rede se produce alí onde é vista ou descargada e non onde é producida, polo que neses países os xornalistas poderían ser perseguidos, así e todo. Porén, non poderían facer nada contra os servidores de Internet se estes estivesen en Islandia, por exemplo, e os promotores do medio de comunicación poderían en calquera caso refuxiarse na illa xeada para evitar ser procesados ou ter que revelar as súas fontes. Os promotores da IMMI confían ademais en que se produza un efecto viral polo que se produzan iniciativas lexislativas semellantes noutros países e polo que se amplíen as lexislacións que aseguran a transparencia e o acceso á información (lei prometida en España dende hai anos e aínda incumprida). Islandia aspira tamén a que este status de santuario do xornalismo libre lle reporte tamén beneficios económicos, por suposto, e confía en que empresas que ofrezan servizos de Internet, así como medios de comunicación e xornalistas de todo o planeta se instalen e traballen dende a illa.

A información é a alma da democracia e a información sobre os gobernos -a transparencia- é imprescindible para o seu correcto funcionamento e saúde. Pola contra, a ocultación e a mentira socava a confianza e dálle ás ao cinismo. Como salientou Javier Moreno, director de El País, "o interese global concitado polos papeis de Wikileaks explícase porque revelan de forma exhaustiva, como seguramente non sucedera xamais, até que grao as clases políticas nas democracias avanzadas de Occidente estiveron enganando os seus cidadáns. Moreno conclúe que se cadra "é tarefa dos gobernos manter os segredos mentres que poidan", pero non é a tarefa da prensa, todo o contrario. A función do xornalismo é, en palabras de Paul Steiger, director de Propública, "producir información que denuncie a explotación do feble fronte ao forte e os fracasos daqueles no poder para reivindicar a confianza depositada neles". Como concluíu Moreno, "o principal dos deberes dun xornal consiste en publicar aquilo que saiba. Os periódicos temos moitas obrigas nunha sociedade democrática: a responsabilidade, a veracidade, o equilibrio e o compromiso cos cidadáns. Entre elas non está a de protexer aos gobernos e ao poder en xeral, de revelacións embarazosas". Wikileaks marcará un antes e un despois na política e dende logo tamén o está facendo no xornalismo. Revela por unha banda moitos dos males dos medios de comunicación tradicional, pregados ao poder e incapaces de escapar da axenda marcada polas fontes oficiais. Pero revela tamén como a figura do xornalista, como intérprete e como difusor, segue sendo fundamental para separar o gran da palla e para chegar a audiencias masivas. Amósalles tamén a fórmula para recuperar o prestixio social, a capacidade de influencia e o beneficio económico perdido: un xornalismo ao servizo da revelación da verdade, ao servizo da cidadanía e enfrontado aos grandes poderes económicos e políticos. O xornalismo tradicional ten moito que aprender de Wikileaks.

Islandia, posiblemente o país europeo que xunto a Grecia, mellor simboliza os efectos da actual crise sistémica, está marcando as liñas dunha sociedade nova, axustada a un mundo que é diferente ao que coñecemos. Como afirma a xornalista, poeta e deputada Birgitta Jonsdottir, un dos principais apoios de Julian Assange, "durante a crise financeira, fíxose obvio que se necesitaban cambios fundamentais para non volver ao mesmo camiño. A crise agudizou a nosa perspectiva sobre o que realmente importa. Decatámonos pola brava de que non tiñamos unha liberdade de prensa suficiente para informar sen medo sobre o poder. De tela, quizais se poderían ter evitado algunhas das calamidades que agora enfronta o noso país. Necesitamos aprender da nosa experiencia e crear un futuro no que Islandia sexa un faro da liberdade de expresión e información. (...) Agora comprendemos que se necesita un paquete lexislativo para fortalecer a nosa democracia e para fomentar a transparencia e a confianza na política".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcos Pérez Pena Marcos S. Pérez Pena (Montevideo, 1980) é xornalista e investigador en comunicación. Doutor en Xornalismo pola USC con unha tese sobre os medios de comunicación galegos na Transición. Autor de "Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía" (Galaxia) Marcos S. Pérez traballou en Vieiros, Gznación, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e colaborou con revistas como Tempos Novos, Murguía ou ECO-Revista del Eje Atlántico.