Temas: FEIJóO

Feijóo volve coquetear co sector eólico

O presidente da Xunta visitou o parque de Malpica, após renovarse os seus 69 aeroxeradores. Afirma que a Lei de Implantación Empresarial --e á que a oposición se refire como "lei de depredación industrial"-- axudará a fomentar un sector eólico "eficiente e competitivo"

Por E.P. | A CORUÑA | 05/02/2018 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deixouse ver este luns, novamente, nun dos grandes parques eólicos de Galicia. Foi durante unha visita ao parque de Malpica onde manifestou que a Lei de Implantación Empresarial contribuirá a fomentar un sector eólico "eficiente e competitivo", após acometerse a remodelación dos seus 69 aeroxeradores despois de 20 anos de funcionamento.

Elpresidente da Xunta no parque eólico de Malpica
Elpresidente da Xunta no parque eólico de Malpica | Fonte: Europa Press

Na súa intervención, após a visita a esta instalación xunto ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, mostrouse convencido de que esta lei abre un novo escenario para o sector. "Vai supor un antes e un despois para todos aqueles que queiran investir en Galicia, no sector das renovables, pero tamén noutros sectores puxantes da nosa economía", dixo.

Ademais, explicou que se establece, por vez primeira, unha figura para diferenciar aqueles proxectos industriais que se consideran de especial interese para a comunidade autónoma co fin de favorecer a axilidade administrativa na tramitación. "O obxectivo final é que as empresas aposten por Galicia", resaltou. Respecto diso, Feijóo explicou que hai 18 parques declarados como proxectos de especial interese e 12 xa están autorizados.

Tamén apuntou que a declaración de especial interese implica que se poidan executar en Galicia proxectos de enerxía renovables no marco das poxas celebradas recentemente polo Ministerio de Enerxía.

Así mesmo, lembrou que no marco desta lei tamén se puxo en marcha a finais de outubro o rexistro eólico galego, onde xa están contabilizados unha solicitude de execución de 1.126 megawatios, "o que significa que a finais de 2020 Galicia superará os 4.000 megawatios funcionando, co horizonte de chegar nos próximos 9 ou 10 anos aos 6.000 megawatios".

COMPROMISO CO MEDIO

Sobre o novo parque de Malpica, o presidente da Xunta explicou que este proxecto conxuga un triplo compromiso: co ambiente, cunha redución do número de aeroxeradores que pasan de 69 a 7 e coa industria das renovables, xa que este é o segundo parque que se repotencia en Galicia.

A iso, sumou o compromiso cos concellos de Malpica e Ponteceso, segundo expuxo. Así, sinalou que, ademais dun investimento de 22 millóns de euros durante a súa execución, "fixa industria e emprego".

Na súa intervención, lembrou que as renovables achegan case o 90% da electricidade que consomen os galegos e tamén que Galicia é a segunda maior produtora de electricidade con renovables.

RENOVACIÓN

Após 20 anos de operación, o Parque Eólico Malpica foi renovado na súa totalidade, substituíndo os seus 69 aeroxeradores por sete que producen o dobre dos anteriores. O investimento da renovación ascendeu a case 20 millóns de euros, segundo informa a empresa Elecnor, cuxo presidente, Jaime Real de Asúa, tamén asistiu ao acto de presentación das novas instalacións.

A planta de Malpica, propiedade da sociedade Parque Eólico de Malpica, está participada polo Grupo Elecnor a través da súa filial de desenvolvemento e explotación de enerxía eólica, Enerfin (95,55%), o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, IDAE (4,25%) e a Xunta de Galicia (0,20%).

Temas: FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

Manda Trillos coas portas xiratorias, este xa exerce antes de deixar o desGoberno.

1 Zapatero

Primeiro desfomentachelos e agora dis q os fomentas,pero ninguen saibe o q deches para indenizar as outras empresa q gañoron os concursos co bipartito e gañaron nos tribunales,bueno pagamoslos os incautos,os paganinis.