Os afíns de Gonzalo Caballero controlan xa cinco das sete executivas das grandes cidades

As dúas urbes gobernadas polos socialistas —Vigo e Lugo— son as únicas que se manteñen baixo o control dos seus respectivos rexedores. O resto están xa en mans dos que apoian ao sectrario xeral.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2018 | Actualizada ás 19:15

Comparte esta noticia

O Partido Socialista finalizou a renovación das súas executivas nas sete cidades galegas, un proceso despois do cal as direccións das agrupacións do PSdeG da Coruña, Ferrol, Pontevedra, Santiago e Ourense contarán con candidatos afíns ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Gonzalo Caballero Anuncia Unha Axenda De Traballo ?A Pé De País? Para Presentar
Gonzalo Caballero Anuncia Unha Axenda De Traballo ?A Pé De País? Para Presentar | Fonte: Europa Press

En concreto, nos casos da Coruña e Pontevedra, as novas secretarias xerais, Eva Martínez e Maica Larriba, respectivamente, apoiaron o novo líder do PSdeG no proceso de primarias celebrado a finais de outubro de 2017. Ademais, tamén é próxima a Caballero a líder do PSOE de Ferrol, Beatriz Sestayo, que venceu por un voto nunha asemblea local que o seu rival, o senador Ángel Mato, pediu impugnar.

Así mesmo, o sector próximo á nova dirección da formación tamén dirixirá a agrupación local de Ourense despois de que a lista de consenso encabezada por José Ramón Morgade estea capitaneada por persoas afíns ao novo secretario xeral, entre elas o propio Morgade.

Ademais, en Santiago de Compostela, a única candidatura presentada, a encabezada pola edil Milagros Castro, tamén integra nos primeiros postos a militantes vinculados á exconcellala Mercedes Rosón, considerada próxima a Caballero.

VIGO E LUGO

Deste xeito, aínda que Gonzalo Caballero se ve reforzado nestas cidades, non terá o mesmo peso naquelas urbes nas que o Partido Socialista ostenta a alcaldía, como é o caso das cidades de Lugo e Vigo.

En concreto, a agrupación de Lugo seguirá baixo o control da alcaldesa Lara Méndez —afín ao ex-secratario xeral José Ramón Gómez Besteiro—, despois de que a concelleira Ana González se impuxese ao ex-edil José Luís Díaz, candidato máis afín ao actual líder do PSdeG polo seu apoio nas primarias autonómicas.

No caso de Vigo, o deputado autonómico Abel Losada, estreito colaborador do rexedor Abel Caballero, fíxose coas rendas da executiva local, de modo que o tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e tío do actual secretario xeral do PSdeG mantén un control que tamén ostenta na dirección provincial do partido.

APOIO DE LEICEAGA

Precisamente, nunha rolda de prensa celebrada este luns na Cámara galega, o portavoz parlamentario e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernádez Leiceaga, referiuse a este proceso interno e asegurou que Gonzalo Caballero "non necesita ser reforzado porque xa é o suficientemente forte". "Foi elixido en primarias hai cousa de tres meses", manifestou.

Ademais, asegurou que cada proceso "é diferente" xa que as executivas locais "responden a lóxicas locais" do mesmo xeito que as direccións provinciais fano por "lóxicas provincias". "Paréceme que para o Partido Socialista en Galicia todo o que sexa reforzar os elementos de unidade vai ser sempre positivo", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta