2.050 novas prazas para profesores en Galicia

A Xunta aumenta a Oferta Pública de Emprego en 30 especialidades, entre as que destacan Matemáticas, Infantil e Primaria. A maioría de sindicatos destacan a "ampla" oferta, pero para a CIG a proposta é "decepcionante".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/02/2018 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará este ano finalmente un total de 2.050 prazas de profesorado para 30 especialidades. Así se desprende da proposta presentada este martes aos sindicatos na mesa sectorial, na que destacan Matemáticas, Educación Infantil e Primaria entre as áreas con maior número de prazas.

Aula.
Aula.

A OPE para o sistema educativo fora anunciada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e inicialmente incluía unhas 1.919 prazas de profesorado. A pesar diso, Educación decidiu incrementar o número de prazas previsto, unhas 131 máis, tras negocialo cos sindicatos asinantes do Acordo de Estabilización de Emprego, en concreto CC.OO. Ensino, FETE-UGT, ANPE e CSIF, no marco da comisión de seguimento.

É por iso que a gran maioría dos sindicatos que compoñen a mesa sectorial educativa trasladaron a súa satisfacción pola proposta definitiva da Administración galega, dado que se trata dunha das ofertas públicas destinada a profesores máis amplas en décadas.

Este incremento de prazas respecto da oferta inicial destinarase á estabilización de postos docentes, no marco do obxectivo de reducir "canto antes" a taxa de interinidade (actualmente no 13%) até o 6 por cento.

OFERTA "AMPLA"

Julio Díaz, de ANPE, destacou o "bo resultado" das negociacións da OPE, unha proposta que considera "importante". A pesar diso, pediu "precaución" á Administración galega para evitar casos de interinos que se atopen sen praza en pleno mes de setembro, buscando o equilibrio de impulsar ofertas de emprego "amplas" e manter a interinidade entre "as máis baixas de España".

Nesta liña, tanto CC.OO. Ensino como FETE-UGT coincidiron en destacar a "gran" oferta de prazas presentada por Educación. No primeiro caso, valoraron que a OPE permitirá baixar a taxa de temporalidade "nun 2 por cento" nunha soa convocatoria.

Desde UGT, Paula Carreiro destacou que se destinarán 581 prazas para reducir a taxa de interinidade, máis dun 50 por cento de aumento respecto das que estaban previstas inicialmente. Neste sentido, recoñeceu o "esforzo" da administración galega, aínda que tamén lembrou os case 3.000 postos de traballo perdidos nos últimos anos e que se terán que "ir recuperando".

A CIG-Ensino, con todo, tachou a proposta de "insuficiente" e "decepcionante", dado que "non cumpre coas expectativas" de servizo público nin as demandas do persoal docente. Así mesmo, criticou o "cheque en branco" facilitado polo resto de organizacións á Consellería de Educación, que o PP entende como "unha leira privada na que ademais atopa quen lle siga o xogo".

POR ESPECIALIDADES

A OPE inclúe 788 prazas de ingreso en secundaria. En concreto, en Lingua castelá e Literatura (75), Xeografía e Historia (65), Matemáticas (153), Física e Química (88), Bioloxía e Xeoloxía (60), Inglés (50), Orientación educativa (35), Tecnoloxía (65), Lingua Galega e Literatura (75), Intervención sociocomunitaria (20), Organización e xestión comercial (25), Organización de proxectos de sistemas enerxéticos (15), Procesos diagnóstico-clínico e ortoprotésico (15), Procesos sanitarios (22) e Sistemas electrotécnicos e automáticos (25).

Outras 160 serán para o corpo de profesores técnicos de FP en Estética (20), Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos (20), Operacións de produción agraria (18), Procedementos de diagnóstico clínico e autoprotésico (16), Procedementos sanitarios e asistenciais (40), Procesos comerciais (24), e Servizos de restauración (22).

No corpo de mestres, convócanse en Educación Infantil (110), Lingua Estranxeira: Inglés (50), Lingua Estranxeira: Francés (50), Educación Física (55), Música (35), Pedagoxía Terapéutica (75), Audición e Linguaxe (90) e Educación Primaria (240).

Tamén haberá prazas de acceso do subgrupo A2 ao subgrupo A1 para o corpo de secundaria: Lingua Castelá e Literatura (25), Xeografía e Historia (22), Matemáticas (52), Física e Química (29), Bioloxía e Xeoloxía (21), Inglés (18), Orientación educativa (12), Tecnoloxía (22), Lingua Galega e Literatura (23), Intervención sociocomunitaria (6), Organización e xestión comercial (8), Organización e proxectos de sistemas enerxéticos (5), Procesos diagnóstico-clínico e produtos ortoprotésicos (5), Procesos sanitarios (6) e Sistemas electrotécnicos e automáticos (8).

Finalmente, convocaranse 105 de acceso ao corpo de catedráticos de música e artes escénicas e 30 ao de profesores de escolas de idiomas en inglés.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta