Feijóo: “A sanidade e o emprego en Galicia son dos mellores de España”

O presidente galego ve unha Galicia “ideal” que contrasta coa visión da oposición. En Marea, PSdeG e BNG denuncian que desde que goberna o PPdeG hai menos educación, menos sanidade e menos recursos sociais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/02/2018 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

“Hai máis carga de traballo no naval, fabricanse máis coches que nunca en Citröen e hai a mellor situación económica desde os últimos anos”. Este é un pequeno balance de como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo ve a situación social e económica en Galicia. Unha visión que contrasta coa Galicia sen traballo, con recortes en educación e en sanidade e con novos emigrantes que describe a oposición.

Oficina de emprego
Oficina de emprego

“Os servizos públicos agora están blindados e mellores que en tempos de bonanza económica... Hoxe a sanidade e educación están mellor que nos últimos anos e a xustiza ten máis infraestruturas que en ningún outro momento da autonomía”, dixo Feijóo durante a sesión de control na Cámara galega, unha sesión que máis que controlar ao presidente, estase convertendo nun “control da oposición”, tal e como dixo o voceiro do PsdeG, Xaquín Fernández Leiceaga.

E o certo é que Feijóo ataca constantemente a oposición lembrándolle que a Galicia actual, a “súa Galicia”, está mellor que a que deixou o bipartito. Así, insiste en que a Sanidade “está mellor que nunca” con máis profesionais ( 1.540 profesionais máis, 7% de médicos máis e un 37% de quirófanos máis que en 2009). 

Pero non só a sanidade “é a mellor de España”, senón que tamén Galicia ten mellores cifras de emprego que o conxunto das autonomías, segundo o presidente. “Se mire como se mire, o emprego creceu e o paro baixou por cuarto ano consecutivo”, insistiu ao suliñar que, desde 2013, “cando se tocou fondo”, o paro xa baixou en máis de 80.000 persoas. Non conta o presidente da Xunta a xente que emigrou desde entón. 

"MENTIRAS"

Obviamente, os datos non convencen á oposición que acusan a Feijóo de “mentirlle” aos galegos. Así, Luís Villares, de En Marea, di que o prsidente galego “maquilla” todos os datos para “negar a realidade” e Leiceaga pídelle que asuma as súas responsabilidades e que evite “a sangría laboral”. “Asuma o principio de realidade e poña orde nas politicas e senón pode, pois utilice a expertos, empresarios, ao Consello Economico e Social e délle esperanzas á mocidade”, engadiu.

Tamén a voceira do BNG, Ana Pontón acusou a Feijóo de “prepotente e soberbio” por utilizar a súa maioría absoluta como unha “patente de cors” para facer unha “voadura programada” dos servizos públicos. Ademais, acusouno de recortar en máis de 1.800 millóns os recursos da sandiade pública e en incrementar as listas de espera. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta