Feijóo négase a subir este ano o salario dos traballadores da Xustiza porque "sería ilegal"

O presidente da Xunta di estar aberto a "seguir falando" e sostén que a proposta o Goberno situaría a Galicia "por enriba da media" das autonomías.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2018 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceuse a "seguir falando" co persoal de Xustiza, que iniciou este mércores unha folga indefinida, pero sostén que subir retribucións este ano, un dos principais puntos que reclaman os traballadores —a proposta do Goberno galego é a partir de 2019—, "sería ilegal".

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no pleno
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no pleno | Fonte: Europa Press

"Apúntome a solucionalo", afirmou Feijóo sobre o conflito na Xustiza, en resposta a unha pregunta na sesión de control na que Luís Villares (En Marea) acusou ao líder do Executivo galego de "recortar en Galicia para facer carreira en Madrid".

En resposta, Núñez Feijóo esgrimiu que a proposta realizada polo Goberno galego aos funcionarios de Xustiza, que os sindicatos rexeitan, situaría a Galicia "por enriba da media" das autonomías a nivel retributivo.

Así, Feijóo deixou claro que este é un problema que "preocupa" ao Goberno galego, pero censura que as "organizacións sindicais romperon as mesas de negociacións porque se levantaron delas". Algo que negan os sindicatos, que acusan a Xunta de ter pechado calquera negociación ao respecto.

Após poñer en valor que nos últimos oito anos se fixo "o maior investimento" en materia de xustiza, o presidente do Goberno galego asegurou que se se aceptase a proposta que realizan os sindicatos "habería entre 10 e 12 comunidades onde se cobraría menos que Galicia", e puxo como exemplo a autonomías como Valencia ou Cataluña.

Nesta liña, remarca que a Xunta pon sobre a mesa subas que supoñen "entre 660 e 900 euros ao ano", estabilización de temporais con oferta pública de emprego, unido a melloras en substitucións, xulgados de violencia de xénero ou permisos de maternidade e paternidade, entre outras.

"EN CONTRA DA LEI"

Durante o debate, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, acusou a Feijóo de empregar "manipulacións que son mentiras", pois a táboa de incrementos salariais para este ano é de "cero euros". Ademais, os sindicatos responderon nos últimos días aos datos de Xunta sobre a media de comunidades, xa que acusan de "falsear" cifras ao non agrupar como un todo aquelas autonomías que non teñen competencias transferidas.

Na súa réplica, Feijóo xustificou que "sería ilegal facer incremento de retribucións" en 2018, e escudouse en que o "Ministerio de Facenda do Goberno central acaba de notificar á Comunidad Autónoma de Madrid que deixe sen efecto o incremento da Xustiza".

"Sabe vostede que o Ministerio de Facenda está a notificar ás comunidades autónomas que non se pode contravenir a lei; e vostede, señoría, desde o seu currículo proponme que faga un acordo en contra da lei?", preguntou a Villares.

E é que, precisamente, a Avogacía do Estado presentou un recurso contencioso-administrativo contra o acordo do 1 de agosto de 2017 da Comunidad de Madrid co fin de que se suspenda un incremento retributivo do complemento transitorio aos traballadores xudiciais desta comunidade aplicado no devandito exercicio e que "contravémn" a lexislación básica.

Segundo indica o recurso, o acordo recollía un incremento de 120 euros mensuais a alcanzar en tres anualidades (2017, 2018 e 2019), pero constátase que os incrementos "contraveñen" a Lei de Orzamentos Xerais do Estado (PGE), porque supera o incremento previsto con carácter xeral.

Ademais, Feijóo asegura que "se se aceptase a proposta" que realizan os sindicatos de xustiza e se aplicase "para todo o persoal da Xunta" suporía un incremento nas retribucións de "600 millóns de euros".

"Vostede proponme en serio que incremente o capítulo de gastos de persoal en 600 millóns de euros?", queixouse a Villares. "Vostede, que quere?, solucionar o problema da Xustiza ou incendiar o problema da Xustiza? Eu apúntome a solucionalo", agregou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta