Todos os grupos da Cámara apoian os medios en galego polo seu compromiso "coa realidade e orgullo polo propio"

No Día dos Medios en Galego, o Parlamento anima aos poderes públicos a contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras "que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/02/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Todos os grupos políticos da Cámara galega apoiaron este mércores a importancia que teñen hoxe en día os medios en galego polo seu compromiso "coa realidade e orgullo polo propio" iniciado no Rexurdimento. Foi grazas a unha declaración institucional a favor da celebración do 7 de febreiro como o Día dos Medios en Galego. Unha data que lembra a saída á rúa do primeiro número de O Tío Marcos d'a Portela, hai 142 anos en Ourense.

"Desde o coñecemento e reivindicación desta longa tradición do xornalismo na nosa lingua, consideramos que o 7 de febreiro, Dia dos Medios en Galego, é unha boa ocasión para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do país", recolle o documento aprobado."Apoiándoos estaremos avanzando no camiño de compromiso coa nosa realidade e orgullo polo propio iniciado no Rexurdimento", engade ao tempo que lle pide ao conxunto da sociedade civil que se sume a esta conmemoración.

Esta xornada serve para visibilizar os medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade do pais. De feito, a Cámara galega anima aos poderes públicos a contribuír ao recoñecemento institucional daquelas iniciativas pioneiras "que procuraban a toma de conciencia dos problemas do país e reflexionaban na busca de solucións".

O TÍO MARCOS D'A PORTELA

O Tío Marcos d'a Portela foi foi a primeira publicación escrita integramente en idioma galego. Subtitulada “Parrafeos co pobo galego” e impulsada por Valentín Lamas Carvajal, conseguiu un notable éxito, chegando a vender 4.000 exemplares nunha comunidade que daquela contaba con altos niveis de analfabetismo.

O escritor e editor da cidade das Burgas recolleu na publicación a bandeira ergueita por Rosalía de Castro en Cantares gallegos, sumouse á defensa e reivindicación da cultura popular e expresou os sentimentos cotiáns da sociedade galega, especialmente da xente máis humilde. "Con moito humor, sentido crítico e ironía, Valentín Lamas soubo conectar á perfección coas principais preocupacións do mundo rural", lembrou o presidente da Cámara, Miguel Santalices.

Voceiros dos grupos parlamentarios con integrantes dos medios no Día dos Medios en Galego
Voceiros dos grupos parlamentarios con integrantes dos medios no Día dos Medios en Galego | Fonte: Camilo Franco

Nas páxinas de O Tío Marcos d´a Portela protestábase contra temas candentes do momento como a sangría da emigración, a elevada carga impositiva –os denominados trabucos- o atraso da agricultura, os foros, o caciquismo, a corrupción, as malas comunicacións e a febleza da industrialización.

A este medio sucedéronlle nos anos inmediatos outras oito publicacións escritas tamén en galego: A Fuliada, O Galiciano, A gaita gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego e A Monteira. Todo este movemento xornalístico difundiu o Rexurdimento, que no terreo literario encabezaron Rosalía de Castro, Manuel Curros Enriquez e Eduardo Pondal, no ámbito máis inmediato e popular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta