O thriller en galego 'Dhogs' acapara 17 candidaturas aos XVI Premios Mestre Mateo

A gala de entrega, "divertida" e "moi reivindicativa", será o 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2018 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O thriller en galego 'Dhogs' acapara un total de 17 nomeamentos en 14 categorías dos Premios Mestre Mateo, entre elas a mellor longametraxe, a mellor interpretación protagonista, para Iván Marcos e Melania Cruz, e a mellores actores de repartición, para María Costas, Antonio Durán 'Morris', Carlos Blanco e Miguel de Lira.

Anuncio dos nomeados aos XVI Premios Mestre Mateo
Anuncio dos nomeados aos XVI Premios Mestre Mateo | Fonte: Europa Press

'Dhogs' foi finalista ao premio á mellor película no Festival de RIZOMA, celebrado en Madrid. A ópera prima de Andrés Goteira tamén gañou o premio a mellor filme da quinta edición do festival de cinema fantástico Nocturna Madrid, alzouse co galardón na categoría de Mellor Longametraxe na vixésimo segunda edición do Festival de Cinema de Split e competiu no pasado Festival de Sitges.

'Dhogs' é unha coprodución de Gaitafilms e PixelFilms e foi filmada en varias localidades de Galicia como A Coruña, Viveiro e As Pontes, así como no deserto de Tabernas (Almería). Conta a historia dun taxista que circula de noite polas rúas dunha gran cidade, mentres que se produce un encontro casual entre un home de negocios e unha muller, o que conduce a unha aventura e a un crime.

A longametraxe compite tamén polo mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte esta última categoría con Juan Galiñares. Ademais, Lucía Catoira, Noelia Vilaboa e Germán Díaz disputaranse os premios á dirección fotográfica, á dirección artística e á mellor música orixinal, respectivamente.

ANUNCIO DOS NOMEAMENTOS

Os encargados de anunciar os nomeados foron os actores María Mera e Monti Castiñeiras, que leron os finalistas de entre máis de 158 obras presentadas.Así o fixeron este xoves nun acto que tivo lugar nas instalacións da Sociedade Xeral de Autores de España (SGAE) e que estivo presidido polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares.

A cerimonia de entrega de premios celebrarase o próximo 3 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña e estará conducida pola actriz Iolanda Muíños.

En número de nomeamentos, seguen a 'Dhogs' a adaptación da novela de Manuel Jabois 'A estación violenta', en oito categorías; a serie 'O final do camiño' e a película 'Os fillos do sol', en sete cada unha; a serie 'Serramoura', en seis; e as películas 'Juana de Vega, vizcondesa do arado' e 'Trinta lumes', en cinco categorías cada unha.

Na área de mellor longametraxe, están nomeadas 'A estación violenta', 'Os fillos do sol' e 'Trinta Lumes', ademais da xa mencionada 'Dhogs'.

MELLOR INTERPRETACIÓN

Xunto á xa mencionada Melania Cruz por 'Dhogs', compiten pola mellor interpretación feminina as actrices Nerea Barros, por 'A estación Violenta'; Sabela Arán, por 'Viradeira'; e Sonia Castelo, protagonista de 'Juana de Vega, vizcondesa do arado'.

O compañeiro desta última, Iván Marcos, está nomeado a mellor actor protagonista, xunto a Alberto Rolán, por 'A estación violenta'; Federico Pérez, por 'Era visto!'; e Javier Rey, por 'O final do camiño'.

PROGRAMAS E SERIES DE TELEVISIÓN

En canto a televisión, as series nomeadas, todas elas emitidas na Televisión de Galicia, son 'Era Visto!', 'O final do camiño', 'Serramoura' e 'Vidago Palace' --esta última producida en colaboración coa cadea pública lusa Rádio e Televisão de Portugal (RTP)--.

Os presentadores de televisión María Solar, de 'A revista fin de semana'; Nieves Rodríguez, de 'Vaia troula'; Rodrigo Vázquez, de 'Ti verás'; e Roberto Vilar, de 'Land Rober Tunai Show', disputaranse o galardón ao mellor comunicador de televisión.

Este último programa está nomeado ao mellor da televisión galega xunto a 'ADN galego', 'Que casas!' e 'A revista fin de semana'.

UN ANO "MOI BO"

O presidente da Academia Galega do Audiovisual asegurou que 2017 foi "un moi bo ano, con obras moi diferentes" para a industria audiovisual.

Ademais, Ares agradeceu ao público galego polo seu "apoio" en series, programas, películas e curtametraxes que, segundo indicou, "son premiadas nos festivais máis esixentes do mundo".

"Iso quere dicir que sabemos facer o noso traballo, que o audiovisual galego goza de moi boa saúde", declarou. Nas súas palabras, Galicia "debe estar contenta do seu audiovisual e da súa cultura". "Os países sen audiovisual non existen", subliñou.

UNHA GALA "MOI REIVINDICATIVA"

Ademais, durante o evento de presentación dos nomeados, houbo reivindicacións do papel das mulleres na industria do cinema e da televisión, como xa foi habitual nas últimas galas de entregas de premio como os Goya, coa inclusión de varios abanicos vermellos coa mensaxe 'Máis Mulleres'.

Neste sentido, Ares avanzou que a gala de entrega dos premios será "divertida" e "moi reivindicativa". "Estamos para acompañar á xente nas súas reivindicacións lóxicas e xustas", proseguiu.

Así, destacou que, entre os catro nomeamentos á mellor longametraxe, dous deles recaesen sobre dúas películas dirixidas por mulleres --'Trinta Lumes', de Diana Toucedo, e 'A estación violenta', de Anxos Fazáns-- e outras dúas por homes.

Para o presidente da Academia Galega do Audiovisual, isto é "motivo para congratularse". "Oxalá outros anos non teñamos que facer estas contas e que haxa catro mulleres nomeadas o vexamos normal", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta