O fulión máis multitudinario dáse cita en Viana do Bolo

O ‘Domingo Gordo’ reunirá unhas 1.100 persoas repartidas en 20 fulións, 15 de parroquias do concello e 5 de fóra que asisten como convidados. Este mesmo día celébrase a XLVIII Festa da Androlla.

Por X.M. Fernández | Viana do Bolo | 09/02/2018 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O “entrudio”, así lle chaman os máis vellos ao entroido, é a celebración máis esperada do ano e a que se vive con máis devoción en Viana. A súa chegada xa se anuncia co tronar de bombos, o son das aixadas e a presenza dos Boteiros cos seus chimpos e repenicar de esquilas. Como ben expresa o alcalde, Secundino Fernández, na saúda do programa: “volven os esperados días nos que aparece con máis forza o orgullo Vianés”.

Fulión de Viana. Foto: Antón Escuredo.
Fulión de Viana. Foto: Antón Escuredo.

O fulión lévase no sangue”, asevera tamén a concelleira de cultura Graciela Diéguez, quen nos asegura que as novas xeracións fan posible que a tradición se conserve e vaia cada ano a máis. Explícanos tamén que chegado o Entroido, o Concello o único que fai é colaborar, facilitar, apoiar e poñer os medios para que os verdadeiros protagonistas deste tempo, os veciños e veciñas, poidan recuperar e amosar a tradición dos fulións e os boteiros. Os auténticos valedores de que se manteña e dinamice o entroido neste lugar son a Asociación de fulións rurais e a Asociación de mulleres rurais que traballan arreo elaborando traxes de boteiros, pantallas (carautas), recuperando e reparando bombos, organizando fulións nas aldeas, etc.

Como complemento á transmisión familiar da paixón polo entroido, dende o Concello e a escola tamén se fai traballo divulgativo e de concienciación con obradoiros creativos e facendo partícipes aos rapaces dende pequenos das  actividades propias deste tempo.

Só no Concello de Viana este ano hai 15 fulións, a maioría conformados nas aldeas. Cada unha ten o seu toque distintivo e un mes antes xa se xuntan para asignarse a “ferramenta musical”, bombo, aixada ou gadaña, e ensaiar. Unha vivencia de traballo en equipo, socialización e incluso reencontro pois cada ano ven máis xente da emigración para participar da experiencia destes días.

Dentro das actividades de entroido en Viana cada ano teñen maior presenza “as fariñadas”. Tal como nos indica Graciela, dende antigo chamábase “correr a fariña”, corrían uns detrás dos outros tirándose fariña. A tradición tamén dicía que aos que ían disfrazados non se lles podía tirar, mais este detalle xa non se conserva estritamente. Aínda que nos podemos atopar con fariña calquera día a partir do xoves de compadres, o venres e sábado e sobre todo o martes de entroido a fariña tírase a cestos entre a xente.

Boteiro. Foto: Lois Rúa.
Boteiro. Foto: Lois Rúa.

Outra tradición que se conserva é a “colga do lardeiro e da lardeira”. Correspóndense co xoves de compadres e xoves de comadres respectivamente. Antigamente había lardeiro e lardeira en cada barrio pero agora só se fai un. Con roupa roubada as mulleres fan o lardeiro e cólgano  á medianoite do xoves de compadres nun poste da Praza Maior e os homes fan o propio na medianoite do xoves de comadres. O martes de entroido á mesma hora procédese á queima dos dous na mesma praza.

Coincidindo co “domingo gordo” ten lugar tamén a Festa da Androlla que este ano chega á súa corenta e oito edición. Xantar popular multitudinario que ten lugar no pavillón municipal despois do percorrido dos fulións por Viana que, escoltados polos Boteiros, fan emocionar ao numeroso público co tronar dos seus enormes bombos. A androlla é un embutido típico da zona, moi saboroso e ben recibido nesta época do ano para combater o frío. Acompáñase de lacón, grelos e patacas e o menú complétase con consomé, bica, café e queimada. Os tiques están xa esgotados, vendéronse uns 1.300. O concello tamén ofrece este menú aos participantes do fulión, uns 1.100, e convida aos visitantes a gozar deste manxar nos locais de hostalería de Viana ou da contorna.

Para os máis pequenos resulta moi interesante o “luns dos cativos” que ten lugar o día 12 a partir das 16.00 h. con fulión infantil, xogos tradicionais, disfraces, música e chocolatada.

O programa completo ao detalle está na web do concello.

Secundino Fernández e Graciela Diéguez con Piquico, autor do cartel. Fonte: Concello de Viana do Bolo.
Secundino Fernández e Graciela Diéguez con Piquico, autor do cartel. Fonte: Concello de Viana do Bolo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Bo entroido a tod@s ;)