Temas: ENTROIDO OURENSE

Ourense, capital do entroido e festa de rúa para todas as idades

A cidade prepárase para vivir un dos mellores entroidos urbanos de Galicia. Unha festa de rúa na que as máscaras, os disfraces e a música serán protagonistas. O concello potenciará tamén os entroidos singulares da cidade: Seixalbo, Eiroás e Barrio da Ponte.

Por X.M. Fernández | Ourense | 10/02/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Concellería de Cultura involucrouse, como cada ano, con actividades para todas as idades, animación de rúa polo día e pola noite, ou o tradicional desfile e concurso de comparsas. A música será unha das protagonistas, haberá charangas, orquestras -con aforo limitado na Praza Maior- e zona de Djs. Un total de 17 charangas actuarán de venres a martes polas rúas da cidade, pero de sábado a luns con 3 pases ao longo do día, un de “sesión vermú” a partir das 12.30 horas e outro a partir das 20.00 h. e o nocturno das 11.30 h. ata preto das 3.00 h. da madrugada.Tamén de sábado a luns diferentes orquestras amenizarán a Praza Maior e haberá zona de DJs na Praza do Correxedor, epicentro do Entroido na cidade, sábado e luns a partir das 00.30 h.

Presentación da programación de Entroido. Fonte: Concello de Ourense
Presentación da programación de Entroido. Fonte: Concello de Ourense

Un dos pratos fortes do programa será o desfile do domingo 11 de febreiro, para o que se anotaron un total de 60 comparsas. A saída realizarase desde o barrio das Lagoas, e percorrerá as rúas do centro da cidade até chegar á praza Maior pola rúa Doutor Marañón. Pouco máis tarde chegará a fin do reinado de Jacobo Ovejero como Rei do Entroido, unha transición que fará “con tristeza pero con orgullo”, segundo afirmou na rolda de prensa de presentación. Nove aspirantes esperan recibir este ano o recoñecemento de raíña/rei do Entroido.

No relativo ás actividades para os máis pequenos destacan as festas infantís de sábado e luns a partir das 17.30 h. e “o gran xogo do entroido” o sábado ás 11.30 h. no Xardín do Posío e uns interesantes obradoiros o luns pola mañá: “Convertémonos en Cigarróns de Verín” no local da Asociación Xuvenil Amencer e “Convertémonos en Felos de Maceda” no Parque da Ponte a partir das 10.00 h. Para o mércores pola mañá tamén interesante xincana de xogos por grupos “Na procura da sardiña” na Asoc. Xuvenil Amencer a partir das 11.00 h.

A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, ademais de adiantar o groso da programación deste ano na rolda de prensa de presentación, incidiu en que a cidade de Ourense vístese estes días de color, maxia e música; un fervedoiro de xente de todas as idades disfrázase, percorre as rúas e sae da casa para pasalo ben e interaccionar cos demais.

Tamén tivo palabras de agradecemento Alexandre Prada, autor do cartel anunciador das festas, quen destacou os elementos que forman parte del: o termalismo e as augas do río Miño, o patrimonio monumental e a Sardiña como referente do Entroido.

Representación de disfraz en grupo. Foto: X.Manuel
Representación de disfraz en grupo. Foto: X.Manuel

Entroidos singulares

Na programación, ademais, hai espazo para os entroidos singulares da cidade: o de Seixalbo, coa Paquita e o Nicanor; o das Eiroás, coa súa Pita; e o do barrio da Ponte, co Frei Canedo. Todos estes entroidos contan co apoio do Concello para o desenvolvemento das súas actividades. 

Temas: ENTROIDO OURENSE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta