Temas: AUGA SECA

Toda Galicia sae da alerta por seca e pasa a prealerta, agás as concas do Cabe, Limia e zona sur do Sil

Os encoros están ao 70% en Galicia-Costa (75% os de abastecemento) e ao 53,8% en Miño-Sil, desde onde avisan dun marzo e abril "máis secos"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2018 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

Após as choivas das últimas semanas, todas as zonas nas que se dividen as concas hidrográficas de Galicia saíron xa da alerta por seca e atópanse en situación de prealerta, agás as dos ríos Limia, Sil baixo e Cabe. Diso informaron os responsables de Augas de Galicia (competente na demarcación Galicia-Costa) e a Confederación Hidrográfica Miño Sil, ao termo de senllas reunións das súas oficinas técnicas pola seca. Estas volverán reunirse dentro dun mes, aproximadamente.

Encoro de Chandrexa de Queixa (Ourense)
Encoro de Chandrexa de Queixa (Ourense) | Fonte: Europa Press

Por unha banda, en Galicia-Costa, onde 12 subsistemas estaban en prealerta e sete en alerta, todos pasan á situación de prealerta, e os encoros atópanse ao 70% da súa ocupación, no 75% no caso dos de abastecemento.

En Miño Sil, as áreas do río Limia, Sil baixo e Cabe seguen en situación de alerta por seca. Con todo, as dúas relativas ao Miño (alto e baixo) pasan a prealerta, mentres que o Sil alto continúa en este mesmo escenario. Nesta conca, os encoros están ao 53,8% da súa ocupación.

GALICIA-COSTA, "CARA Á NORMALIDADE"

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, explicou após a reunión da oficina técnica da seca na Consellería de Medio Ambiente que esta conca "avanza" cara á normalidade pero "non está aínda" nela, polo que chamou a manter un "uso responsable" e seguir as recomendacións que se trasladaron no seu día aos concellos.

Desde un punto de vista meteorolóxico, destacou que decembro foi "húmido" e xaneiro "axustouse" á media en canto a precipitacións, de modo que foi "chuvioso". Ambos os meses "comportáronse de forma invernal, afortunadamente", segundo indicou, tendo en conta o panorama de seca que acumula o país.

Para febreiro, apuntou a previsión de que pasen "sucesivas borrascas" procedentes do Atlántico, dentro da "normalidade" para este período, mentres que para saber estimacións sobre o que ocorrerá en marzo e abril, xa primavera, "haberá que esperar". E a partir do momento en que isto se poida coñecer, a Xunta "valorará as condicións para afrontar o verán", que Rodríguez sinalou como "o seguinte fito".

Neste escenario de avance "cara á normalidade", os encoros en Galicia-Costa están ao 70%, por encima do dato destas datas do ano pasado. É un 13% máis que a media, pero un 13% menos que a media do últimos cinco anos, segundo as cifras que achegou o director de Augas.

Onde si hai "normalidade total" é nos encoros de abastecemento, con cotas de ocupación "máxima" para a época, ao 75%, na media do últimos cinco ou dez anos.

Non foi alcanzada en canto a augas subterráneas, que presentan unha tendencia xeneralizada de melloría, "máis ou menos lentamente", nin no relativo ao caudal dos ríos, cunha evolución de "mellora xeral", pero "tamén desigual". Neste extremo, Rodríguez chamou a atención sobre que as choivas de xaneiro, que foron "boas", de "certa intensidade", concentráronse nas mesmas zonas.

DIFERENZAS NORTE, SUR E CENTRO

Así as cousas, nesta demarcación as concas do norte son as que rexistran melloras "máis significativas", aínda que "non acabou a anormalidade", pero os seus sistemas están "preto" que, de confirmarse, sexan "os primeiros en volver a unha situación normal".

As concas do sur tenden a mellorar pero de forma desigual, e así o río Oitavén e o Verdugo están "preto da normalidade", pero outros como o Lagares e o Miñor van "máis lentos".

No centro, "hai unha mellora", pero foi a zona onde "choveu con menos intensidade", polo que a recuperación é "máis lenta". "Preocúpanos especialmente o río Mendo, que está máis afastado da normalidade", expuxo Roberto Rodríguez, que tamén se referiu a outros "menores" como o Furelos, en "especial vixilancia". Ao contrario, celebrou "melloras significativas" por exemplo no Xallas e o Tambre.

OS RÍOS EN MIÑO-SIL, UN 27% POR BAIXO

Mentres, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil mantén a situación de alerta por seca nas concas dos ríos Cabe, Limia e na zona inferior do río Sil.

Con todo, as últimas choivas permitiron rebaixar a alarma nos tramos superior e inferior do río Miño, que pasaron a situación de prealerta, a mesma situación que se mantén na zona superior do río Sil (León).

O presidente da confederación, Francisco Marín, informou este venres após a reunión da oficina da seca de que a pesar das choivas dos últimos meses os ríos da demarcación aínda se atopan un 27% por baixo dos seus índices habituais.

Nesta liña, destacou que desde o inicio do ano hidrolóxico (o 1 de setembro) só en decembro se superou a media habitual de choivas (caeron 213 litros por metro cadrado, fronte aos 162 de media) e que caeron 435 litros por metro cadrado cando "tería que chover 529".

Por este motivo, a oficina só puido rebaixar o nivel de alerta no Miño alto e o Miño baixo, grazas ás precipitacións "que foron maiores na provincia de Lugo".

A alerta mantense nas canles do río Cabe (Lugo), Sil inferior (río Bibei) e Limia. Neste último caso a situación é especialmente alarmante ao atoparse un 40% por baixo da media dos últimos 17 anos.

As choivas permitiron que España puidese cumprir co compromiso de transvasamento de augas a Portugal, establecido polo convenio de Albufeira. Nos cinco primeiros meses do ano hidrolóxico tense transvasado 1.475 hectómetros cúbicos, máis da metade dos 3.700 hectómetros cúbicos establecidos por ano.

Marín tamén explicou que os encoros da demarcación están a un 53,87% da súa capacidade, 2,87 puntos por baixo dos índices medios.

ADVERTENCIAS, PERO SEN RESTRICIÓNS

Segundo dixo, os prognósticos para os próximos meses falan de que se vai manter e acentuar a situación de seca. Así, Marín destacou que as predicións da Aemet prognostican uns meses de marzo e abril máis secos.

Tamén son negativas as previsións da axencia americana, que sinalan que febreiro "será máis húmido do habitual", pero que os seguintes meses "serán máis secos".

A pesar deste panorama, Marín explicou que "non haberá restricións" nas grandes cidades, e que a única posibilidade dun recorte de subministracións redúcese á comunidade de regadores de Monforte de Lemos (Lugo).

Na actualidade, os encoros que fornecen auga a esta zona atópanse nun 31% da súa capacidade, polo que no caso de que non haxa precipitacións "é posible que non haxa auga para regadío, aínda que está garantido o caudal ecolóxico; así como a subministración a Monforte e Bóveda".

A pesar da mellora temporal da situación das canles, tamén a confederación Miño Sil instou a cidadáns e concellos a "manter" as políticas para o aforro de auga.

Temas: AUGA SECA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta