As casas museo e as fundacións de escritores de Galicia buscan crear unha rede para visibilizar as súas actividades

Representantes de 13 entidades comparten nun encontro as súas problemáticas e experiencias, que trasladaron á Secretaría Xeral de Cultura.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2018 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

As casas museo e as fundacións de escritores de Galicia traballan para crear unha rede para compartir experiencias e colaborar para lograr unha maior visibilidade do seu papel na sociedade e das actividades que impulsan nas diferentes localidades galegas.

Encontro de casas museo e fundacións de Galicia
Encontro de casas museo e fundacións de Galicia | Fonte: Europa Press

En total de 13 destas entidades déronse cita na Casa dos Poetas de Celanova no que foi o 'II encontro das Casas Museo e Fundacións de escritores de Galicia', ao que tamén acudiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

En concreto, a Fundación Curros Enríquez, a Fundación Eduardo Pondal, a Casa Museo Rosalía, a Fundación Carlos Casares, a Fundación Insua dos Poetas, a Fundación Blanco Amor, a Fundación Carlos Velo, a Fundación Cela, a Fundación Uxío Novoneyra, a Fundación Manuel María, a Casa Museo Otero Pedrayo, a Fundación Vicente Risco e a Casa de la Troya.

En declaracións a Europa Press, Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez, explicou que o seu obxectivo é "profundar no coñecemento mutuo" e "establecer lazos de colaboración", de modo que esta posta en común permita "servir de apoio á divulgación conxunta" das súas actividades e proxectos.

Os diferentes representantes realizaron unha análise crítica da súa situación, compartindo tanto as súas experiencias positivas como proxectos que non saíron como esperaban, para así tentar xerar sinerxías e aprender de iniciativas de éxito impulsadas por outras entidades deste tipo.

Piñeiro destacou a importancia desta intención colaborativa, tendo en conta que as "problemáticas de xestión" son as mesmas en todas estas entidades, con dificultades de contar con persoal propio, no mantemento de inmobles, "que consome unha chea de orzamento", ou a falta de subvencións para realizar arranxos.

"Cada un expuxo as súas singularidades e todo iso é elemental para establecer criterios de colaboración coas fundacións", sinalou.

UNHA REDE COLABORATIVA

Os participantes nestes encontros pretenden establecer "uns contactos periódicos conxuntos" que sirvan para compartir experiencias e, ademais, estudar iniciativas de visibilización e de promoción, e mesmo buscar asesoramento entre si para levar a cabo proxectos similares que tiveron éxito noutras localidades.

Todo iso materializarase, segundo a súa intención, a través dunha rede colaborativa, pero que non suporá crear unha nova entidade ou asociación de fundacións. Tamén estuda aproveitar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural para tentar "canalizar" iniciativas a través diso, como "unha imaxe de marca" que permita un "visibilización" das casas museo, ou mesmo a creación dun portal web no que todos poidan compartir información.

Piñeiro tamén agradeceu a presenza de Anxo Lorenzo, quen "tomou nota" e coñece "perfectamente" a situación e problemáticas destas entidades e que estivo "desde o principio" nesta proposta.

"POTENCIAR O ACHEGAMENTO"

Pola súa banda, Anxo Lorenzo destacou a importancia de "potenciar o achegamento" entre estas institucións para "impulsar os seus obxectivos fundacionais" a través do intercambio de experiencias, poñendo en valor "o importante papel" na conservación e difusión da memoria dos escritores galegos.

Tamén aproveitou a ocasión para pedir a súa participación no proxecto da Memoria Dixital de Galicia, coa que se busca consolidar un fondo de patrimonio cultural material e inmaterial que participe na "confluencia de recursos dixitais no ámbito internacional".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nexus 6

Por escritores de Galicia, ¿entendemos a Valle-Inclán, Torrente Ballester, Camilo José Cela o Filgueira Valverde? ¿O sólo a los escritores en gallego nazionalistas y de izquierdas?