A temporalidade no sector deportivo galego aumentou un 833% desde 1990

Traballo precario e en negro son os grandes males que padecen os profesionais do deporte galego. As mulleres cobran de media uns 250 euros menos cós homes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada vez máis temporalidade e máis traballo en negro, e unha fenda entre homes e mulleres. Estes son os principais males do sector deportivo en Galicia, cuxo futuro máis inmediato estará marcado pola inseguridade e a precariedade laboral de non mudarse a tendencia actual. Estas son as principais conclusións que se poden extraer dun estudo sobre a situación dos colexiados no Colexio Oficial de Licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia.

Actividade organizada polo Colexio Oficial de Licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia
Actividade organizada polo Colexio Oficial de Licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia | Fonte: COLEF Galicia.

Os datos do estudo, feito mediante enquisa, mostran unha situación alarmante, xa que un 27,5% dos colexiados recoñece ter máis dun traballo, "unha porcentaxe bastante elevada de pluriactividade no sector deportivo", subliñan os autores do estudo, que constaron que desde 1990 a temporalidade aumentou un 833% neste sector para os novos titulados.

A situación evidente de precariedade, inestabilidade e inseguridade laboral crecentes dentro do sector tamén se pode apreciar observando o dato dos contratos anuais de media que asinan os colexiados. A cifra foi subindo nas últimas décadas, ata situarse en 1,25, isto é, máis dun contrato por ano. A estabilidade é cada vez máis unha utopía.

FENDA DE XÉNERO

A problemática da fenda de xénero tamén cobrar especial relevancia neste sector, no que as mulleres cobran un salario medio de 250 euros mensuais menos que os homes, tendo formación e capacitación similares. Os autores do estudo confirmaron, ademais, que as mulleres teñen máis difícil chegar a ocupar postos directivos.

Os datos mostran tamén un certo desaxuste entre a cualificación requirida e a que teñen os ocupados en certos aspectos. Por exemplo, expoñen os autores do estudo, na recreación hai traballando un 66,7% de xente con máster e un 4,8% con doutoramento, un ámbito de emprego de baixa calidade, sinalan.

Do total de colexiados, calcúlase que arredor dun 7% non están contratados. Entre os que teñen contrato, e separando por sectores, un 31% traballa na xestión, un 28% encádrase no adestramento, un 22,5% desempeña labores relacionadas coa saúde, un 10,5% traballa na recreación e un 41,5% dos colexiados están contratados dentro do sector do ensino.

En canto ás actividades profesionais sen un contrato que as regule, o 28% dos enquisados recoñece que realiza o que se chama traballo en negro, destacando sobre o resto os colexiados que realizan actividades no sector do adestramento.

Por último, o 40% dos colexiados titulados recentemente está desocupado.

Estes son algúns dos datos destacados nun traballo de investigación titulado 'Estudio piloto del perfil profesional y los ámbitos de inserción laboral de los educadores físicos y deportivos colegiados en Galicia', realizado por Kevin Rodeiro Ibón e Vicente Gambau Pinasa, da Universidade da Coruña, e Roberto Silva Piñeiro, da Universidade de Vigo.

Os autores conclúen que "as persoas colexiadas neste sector terán que seguir batallando no futuro máis próximo contra a inseguridade e a precariedade laboral especialmente, aínda que están a optar por facelo mediante a preparación de posgrao, tentando achegar deste xeito a forma de atopar unha estabilidade laboral".

A realización deste estudo vén motivada polo interese existente do COLEF Galicia por coñecer a situación dos seus colexiados e a evolución que tiveron desde que acabaron os seus estudos en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ata a actualidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta