Feijóo queda sen a escusa da trama incendiaria

Toda a oposición carga duramente contra o presidente da Xunta, logo das declaracións do fiscal de Medio Ambiente, nas que se nega a existencia de evidencias dunha presunta trama incendiaria como causa da vaga de lumes do pasado mes de outubro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/02/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Non hai trama incendiaria. Ou cando menos ninguén ten evidencias nin probas da súa existencia. E malia todo, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, non dubidou en defender esta hipótese até o de agora, mesmo espallada en páxinas de publicidade de medios impresos pagadas polo Goberno autonómico, e malia ser consciente de que estaba mentindo aos galegos. O fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, é rotundo: nega a existencia de evidencias dunha presunta trama incendiaria. Pero Feijóo e o seu equipo nin dan marcha atrás nin recoñecen que mentiron.

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Por isto, toda a oposción cargou duramente contra o presidente da Xunta. Así, o portavoz de En Marea, Luís Villares, advertiu de que as declaracións do fiscal "fan caer unha vez máis a fachada de boa xestión" de Feijóo, cuxa tese "queda completamente desacreditada".

Villares acusou o PP de "tentar crear un inimigo exterior" para eximirse de "todo tipo de responsabilidades" e considerou que as declaracións de García Ortiz demostran a "manipulación informativa" emprendida pola Xunta, gastando "miles de euros públicos" nunha campaña "que non foi comprada por moita xente" que era consciente da "catástrofe" a través do "olfacto e a vista".

Así, En Marea denunciou que continúa a "incompetencia" e o "abandono" do territorio como "insignia do Goberno" do PP, ademais da "incapacidade" para cumprir "o seu deber institucional" para resarcir as vítimas e mostrar "solidariedade" cos municipios.

Villares criticou que a comisión de estudo non é "nin de lonxe" o que esta formación propuña e defendeu á urxencia de chegar a "un pacto nacional" polo territorio, lamentando que desde a Xunta non se impulsou "nin unha soa medida" de rexeneración ambiental, para resarcir as vítimas, de coordinación de mandos de emerxencias ou de protección e concienciación.

Unha "incompetencia", reiterou, que continúa "catro meses despois" desde a xestión da catástrofe, tanto por parte de Feijóo, como do vicepresidente, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

"CHIBO EXPIATORIO"

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou que non lle sorprende que o informe da Fiscalía Superior conclúa que non hai evidencia dunha trama, "que era o que suxería a Xunta".

Leiceaga lembrou que os socialistas dixeron "desde o principio" que "non había ningunha trama terrorista ou incendiaria".

"Unha cuestión diferente é que existan imprudencias ou comportamentos delituosos, pero que en ningún caso dan lugar a unha organización ou trama, que era o que suxería a Xunta nun claro intento de crear un chibo expiatorio para eliminar da conciencia pública a responsabilidade que puidese ter a Xunta", expuxo o portavoz socialista.

Para Leiceaga, é "un avance" que desde instancias como a Fiscalía de Medio Ambiente "se arroxe luz sobre este asunto". Ademais, avanzou que o seu partido levará o contido deste informe, que está practicamente concluído, á comisión parlamentaria para a reforma da política forestal, que desenvolve as súas sesións durante este semestre.

"FEIJÓO DÉBELLE UNHA DESCULPA AOS GALEGOS"

portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a Xunta e o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, "lle deben unha desculpa aos galegos e galegas por mentirlles durante a vaga de lumes" ao "responsabilizar" deses incendios a "unha suposta trama incendiaria que non existía".

O informe da Fiscalía Superior de Galicia, realizado por mor da vaga de lumes do pasado mes de outubro, conclúe que non existen evidencias da existencia dunha trama incendiaria, segundo o avanzado polo fiscal delegado de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, nunha entrevista con Europa Press.

Preguntada sobre esta cuestión, Pontón acusou á Xunta de escudarse nesa "suposta trama" para "esconder á verdadeira trama incendiaria que hai neste país, que é unha política forestal de abandono do medio rural, que é a gran causante dos incendios forestais".

Á espera de coñecer o informe na súa totalidade, a nacionalista remarca que "vai na liña do que desde o primeiro momento dixo a Fiscalía de que aquí non había trama incendiaria".

Por iso, empraza á Xunta a que "tome medidas" para "pór fin" ao despoboamento no medio rural e a acabar "cunha política forestal a medida de ENCE que está a causar non só un grave problema ambiental, senón un problema de seguridade pública", xa que "os incendios teñen consecuencias moi importantes".

Logo de lembrar que en outubro faleceron catro persoas en Galicia durante a onda de lumes, Ana Pontón avisou á Xunta de que "non se pode seguir adiante cunha política forestal pirómana".

O PP NON RECTIFICA

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, lonxe de rectificar e recoñecer que o Goberno galego mentiu ou, cando menos, errou na súa diagnose, considerou que "o único" que se pode extraer do avance de conclusións do informe da Fiscalía Superior de Galicia é que houbo "múltiples factores implicados" nos lumes e que se trata dun tema "complexo" que hai que abordar coa "urxencia" que merece.

Respecto diso, Puy asegurou que está "atento" ás investigacións da Fiscalía, que "son sempre dignas de ser moi consideradas", aínda que lembrou que o informe "non está entregado" e que se trata dun "avance de conclusións".

"O fácil sería combater unha única trama", recoñeceu Puy, quen apuntou a que as declaracións de García Ortiz denotan que "todos" os axentes implicados deben "traballar moito máis", referíndose tanto á sociedade e os veciños que "saben quen pode estar implicado" detrás destes lumes, como os propietarios de montes, as forzas da orde e os grupos políticos que teñen "a obrigación" de lexislar e "regular os usos do monte" a través do Plan Forestal.

"Todos temos que asumir a responsabilidade de que é un tema complexo", sinalou, incidindo en que hai "actividade intencionada" e "delituosa" detrás e "múltiples factores" que o converten nun problema "moi complexo" que obriga a abordalo "coa urxencia e coa importancia" que merece.

Pola súa banda, defendeu os traballos que se están realizando na comisión de estudo de incendios forestais, cun "número significativo de expertos" participando, e desexou que "entre todos" se poida chegar a conclusións "que eviten que haxa vagas de lumes" como a do pasado outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta