A banda 'The Haunted' traerá este mércores o seu metal extremo a Galicia por primeira vez nos seus 22 anos de historia

A veterana formación sueca presentará en Vigo o seu último traballo 'Strenght in numbers'

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2018 | Actualizada ás 13:13 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A banda de metal extremo 'The Haunted' actuará este mércores por primeira vez en terras galegas cando cumpren 22 anos de traxectoria, no ano en que se conmemora o XX aniversario do seu primeiro álbum.

Cartel de The Haunted en Vigo
Cartel de The Haunted en Vigo | Fonte: Europa Press

A historia de 'The Haunted' xorde das cinzas de 'At the Gates', lendaria banda de Gothenburg e pioneira do chamado 'death metal melódico' (ou 'son Gothenburg'), que derivou en toda unha corrente musical en Suecia apadriñada por grupos como Dark Tranquility, In Flames ou Edge of Sanity, entre moitos outros.

Tras publicar 'Slaughter of the Soul' en 1995, un dos discos imprescindibles da historia do metal europeo e un auténtico éxito de crítica, a banda desapareceu (na actualidade está de novo en activo) e os irmáns Anders and Jonas Björler tomaron as rendas dun novo proxecto, máis próximo ao 'thrash' pero mantendo as raíces do son da súa localidade natal.

A eles uníronse o vocalista Peter Dolving, o baterista e ex At The Gates Adrian Erlandsson e Patrik Jensen. Así naceu 'The Haunted', unha banda referente no metal europeo que publicou o seu demoledor primeiro disco (homónimo) en 1998, ao que seguiron outras obras moi directas como 'Made Me Do It' (2000) ou 'One Kill Wonder' (2003) xunto a outras como 'The Dead Eye' (2006), nas que introducían moitos máis matices nas súas composicións.

Os suecos experimentaron numerosos cambios de formación ao longo das súas dúas décadas de historia. No seu último disco, 'Strenght in numbers' (2017), a banda conta cos membros orixinais Patrik Jensen, Jonas Björler e Adrian Erlandsson, xunto con Marco Aro (vocalista entre 1999-2003) e o guitarrista Ola Englund.

"BENEFICIO CULTURAL", NON ECONÓMICO

'The Haunted' desembarcará en Galicia por primeira vez este mesmo mércores, 14 de febreiro. En concreto, o show celebrarase na Sala Máster, na cidade de Vigo, no marco dunha xira de 10 datas por toda a Península na que os suecos estarán acompañados de 'Norunda' e 'The Descent'.

En declaracións a Europa Press, Rubén Cuerdo, promotor da xira, destacou a importancia da formación no panorama musical actual, un grupo "moi veterano e moi profesional" que vai "actualizando o son" orixinal e característico do metal de Suecia.

Para Cuerdo, 'The Haunted' representa unha solidez sonora na que conviven a distorsión e a suavidade. "Soa perfecto", destacou, "e iso é algo difícil de conseguir". Por iso, animou aos galegos a que gocen das creacións da banda sueca "nunha cita imprescindible" na que mostrarán "unha perspectiva renovada do que é a escena do metal e de como se vai transformando".

Así mesmo, referiuse á importante xira que realizarán por toda a Península cun obxectivo claro: lograr un "beneficio cultural" e non "monetario" e levar este tipo de estilos a todos os recunchos do Estado.

XIRA ESTATAL

A banda sueca 'The Haunted' actuará tamén noutras nove localidades de todo o Estado nunha xira que lles levará a Bilbao (Stage Live, 15 de febrero), Zaragoza (C.C. Delicias, día 16), Madrid (Sala Nazca, día 17), Lisboa (RCA Club, día 18), Sevilla (Sala Fanatic, día 20), Granada (Sala El Tren, día 21), Murcia (Garage Beat Club, día 22), Valencia (Sala Rock City, 23), e Barcelona, (Sala Bóveda, 24).

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta