O PP dá "carpetazo" á petición dunha comisión de estudo sobre as peaxes galegas

Feijóo responderá á oposición sobre débeda, desigualdade de xénero e a caída do investimento do Estado en Galicia

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/02/2018 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A Mesa de Parlamento de Galicia deu "carpetazo" á petición do PSdeG para que se constituíse unha comisión de estudo sobre as peaxes das autoestradas no país, segundo destacou este martes o portavoz dos socialistas na Cámara, Xoaquín Fernández Leiceaga. Tanto el como o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, fixeron referencia a este feito na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces. "O PP non considera que sexa o momento oportuno", lamentou Leiceaga.

Reunión da Xunta de Portavoces
Reunión da Xunta de Portavoces | Fonte: Europa Press

No relativo ao pleno da próxima semana, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, responderá na sesión de control a preguntas da oposición sobre "a propaganda para ocultar a súa ineficacia" en asuntos como a débeda autonómica, a caída da licitación de obra pública por parte do Estado en Galicia e a desigualdade de xénero.

Diso informaron Sánchez, Leiceaga e a portavoz do BNG no Pazo do Hórreo, Ana Pontón, ao finalizar o encontro.

GALICIA COMO NACIÓN

Pola súa banda, o Bloque levará ao hemiciclo unha proposición non de lei para que se abra un relatorio para "abordar o actual marco, insuficiente", e coa vista posta en propor un "novo" en que Galicia alcance o estatus de "nación". "Un autogoberno que non sexa de cartón", subliñou Pontón.

Ademais, a líder nacionalista sinalou que preguntará a Feijóo pola desigualdade de xénero nun contexto de "retrocesos nos últimos anos", ao entender que desde que este chegou ao Goberno galego o que fixo foi "demoler a política de igualdade" e non propuxo "nin unha soa acción".

"ACTITUDE PASIVA"

A continuación compareceu en rolda de prensa o portavoz dos socialistas na Cámara, quen sinalou que o seu grupo centrará o próximo pleno na "actitude pasiva" de Feijóo ante o tratamento en materia de infraestruturas que dá Rajoy a Galicia. Así, Leiceaga tamén lle reprochará cuestións relativas ao plan de estradas e a situación do Feve.

O PSdeG promove iniciativas, así mesmo, para que se aborde a "discriminación" dos empregados públicos temporais no ámbito da xustiza en comparación cos fixos e en relación ás sentenzas ditadas pola Unión Europea.

Como propia levará unha proposición non de lei popular que xuntou un número "moi substancial" de firmas para reivindicar axudas a quen sufriron perdas no ámbito agrario polas xeadas rexistradas en 2017.

"PROPAGANDA"

Pola súa banda, En Marea denunciará a "política de propaganda" de Núñez Feijóo, algo que Antón Sánchez exemplificou co debate sobre a débeda e unha eventual quita para determinadas comunidades autónomas.

O seu grupo, segundo explicou, confrontará "o discurso da recuperación" coa "precariedade" e a pobreza que implican que "repunten" os desafiuzamentos por falta de pagamento de alugueres. Así mesmo, botará en cara ao PP a súa "absoluta insensibilidade" en campos como o do acceso á vivenda e a pobreza enerxética.

As listas de espera, a instalación de parques eólicos e os procesos de concentración parcelaria pendentes serán outros dos asuntos que aborde a Cámara por iniciativa de En Marea, así como a etiquetaxe dos produtos procedentes das rías e a derrogación da lei de medidas para os empregados públicos.

CONTAS E POLÍTICA SOCIAL

Por último, Pedro Puy, como portavoz dos populares no Pazo do Hórreo, informou de que a semana que vén se celebrará un debate sobre as propostas de resolución do informe de fiscalización do sector público do Consello de Contas correspondente ao ano 2015.

A continuación, indicou que comparecerá o conselleiro de Política Social para dar conta das políticas de protección de menroes, e enumerou as iniciativas que incluíu o seu grupo na orde do día, como unha sobre o plan director da cooperación galega.

O PPdeG tamén preguntará sobre os bonos de aluguer social e acerca "dalgo que deu moito que falar": a atención ás persoas que padecen un infarto agudo de miocardio.

Por acordo dos catro grupos, o pleno debaterá tamén unha proposición da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta