Importantes niveis de arsénico no atún que se comercializa en Galicia

O Departamento de Toxilocoloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela detectou nestes peixes contidos de arsénico "máis altos que en estudos previos". Os investigadores aconsellan establecer límites legais e revisar os niveis que se consideran tolerables para a saúde.

Por Alberto Quian | Lugo | 15/02/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Niveis de arsénico nunca antes vistos no atún fresco que se comercializa en Galicia. Iso é o que atoparon investigadores do Departamento de Toxilocoloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, en Lugo, que analizaron 110 mostras de atún fresco e procesado.

Atún na lonxa de Vigo
Atún na lonxa de Vigo | Fonte: José Antonio Gil Martínez.

Os investigadores analizaron os niveis de arsénico, cadmio e chumbo en atún fresco e procesado comercializado en Galicia para avaliar os riscos para a saúde humana. O contido de chumbo, tanto en atún fresco como procesado, foi insignificante, mentres que os niveis totais de arsénico e cadmio no atún procesado foron máis baixos que no atún fresco.

Os científicos tranquiilizan a opinión pública no que se refire á presenza de chumbo e cadmio neste peixe, xa que "os resultados observados non representan un risco para o consumidor", segundo a lexislación da Unión Europea que regula os niveis máximos destas substancias que se consideran tolerables para a saúde humana. Porén, alertan de niveis inusuais de arsénico no atún fresco, para o que, advirten, non se estableceu un límite legal.

"Os contidos de arsénico en atún fresco informados aquí son importantes, xa que se atopan entre os máis altos reportados na literatura [científica]", confirman os investigadores.

Actualmente, a Comisión Europea non ten límites normativos establecidos para o arsénico nos pescados e os datos sobre o contido de arsénico en atún son escasos en comparación cos doutros metais pesados.

Os científicos atoparon arsénico en todas as mostras de atún, pero as mostras de atún enlatado mostraron os niveis máis baixos, cunha cantidade media de 1.05 ± 0.511 mgkg−1, seguido do atún en vidrio con 2.10 ± 2.12 mgkg−1. A media máis alta observouse no atún fresco, con 3.78 ± 2.24 mgkg−1., atopándose "diferenzas na bioacumulación de arsénico entre o atún fresco e procesado estatisticamente significativas", principalmente porque "os especímenes do mercado de produtos frescos adoitan ser máis grandes que os destinados a procesos industriais", explican os investigadores, que estimaron nun 3 por cento a cantidade de arsénico inorgánico —a forma máis perigosa para a saúde— na concentración total desta substancia nos atúns.

Os autores da investigación consideran que os resultados para o arsénico deben ser tomados "con precaución" xa que "os contidos obtidos foron máis altos que en estudos previos, e segue existindo unha falta de coñecemento sobre a toxicidade do arsénico orgánico e unha recomendación da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria para reducir a exposición" a este metaloide, avisan.

Os resultados veñen de publicarse na prestixiosa publicación científica Science of The Total Environment.

ARSÉNICO: QUE É, ONDE SE ATOPA E COMO PODE AFECTARME

O arsénico é un elemento natural da cortiza terrestre, amplamente distribuído en todo o medio ambiente, está presente no aire, a auga e a terra.

O arsénico existe tanto en forma orgánica como inorgánica. Os compostos de arsénico inorgánico (como os que se atopan na auga) son extremadamente tóxicos, en tanto que os compostos de arsénico orgánico (como os que se atopan en peixes e mariscos) son menos prexudiciais para a saúde, advirte a Organización Mundial da Saúde (OMS). 

A exposición a altos niveis de arsénico inorgánico pode deberse a diversas causas, como o consumo de auga contaminada ou o seu uso para a preparación de comidas, para a rega de cultivos alimentarios e para procesos industriais, así como ao consumo de tabaco e de alimentos contaminados.

A exposición prolongada ao arsénico inorgánico pode causar intoxicación crónica. Os efectos máis característicos son a aparición de lesións cutáneas e cancro de pel.

O arsénico representa unha ameaza importante para a saúde pública cando se atopa en augas subterráneas contaminadas. O arsénico inorgánico está naturalmente presente en altos niveis nas augas subterráneas de diversos países, entre eles a Arxentina, Bangladesh, Chile, China, a India, México e os Estados Unidos. As principais fontes de exposición son: a auga destinada a consumo humano, os cultivos regados con auga contaminada e os alimentos preparados con auga contaminada.

Os peixes, mariscos, carnes, aves de curral, produtos lácteos e cereais tamén poden ser fontes alimentarias de arsénico, aínda que a exposición a través destes alimentos adoita ser moi inferior á exposición a través de augas subterráneas contaminadas.

No marisco e peixes, o arsénico está presente principalmente na súa forma orgánica menos tóxica.

O arsénico utilízase industrialmente como axente de aliaxe, e tamén para o procesamento de vidro, pigmentos, téxtiles, papel, adhesivos metálicos, protectores da madeira e municións. O arsénico emprégase así mesmo nos procesos de curtido de peles e, en grao máis limitado, na fabricación de praguicidas, aditivos para pensos e produtos farmacéuticos.

As persoas que fuman tabaco tamén poden estar expostas ao arsénico inorgánico que contén o tabaco natural, xa que as plantas de tabaco absorben esencialmente o arsénico presente de forma natural no chan. Doutra banda, o risco de exposición ao arsénico era moito maior hai uns anos, cando había costume de tratalas con insecticidas a base de arseniato de chumbo.

Os síntomas inmediatos de intoxicación aguda por arsénico inclúen vómitos, dor abdominal e diarrea. Seguidamente, aparecen outros efectos, como entumecemento ou formigueo nas mans e os pés ou cambras musculares e, en casos extremos, a morte.

No que se refire aos efectos a longo prazo, os primeiros síntomas da exposición prolongada a altos niveis de arsénico inorgánico (por exemplo, a través do consumo de auga e alimentos contaminados) obsérvanse xeralmente na pel e inclúen cambios de pigmentación, lesións cutáneas e durezas e calosidades nas palmas das mans e as plantas dos pés (hiperqueratose). Estes efectos prodúcense tras unha exposición mínima de aproximadamente cinco anos e poden ser precursores de cancro de pel. A exposición prolongada ao arsénico tamén pode causar cancro de vexiga e de pulmón.

O Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro clasificou o arsénico e os compostos de arsénico como canceríxenos para os seres humanos; o arsénico presente na auga de bebida tamén foi incluído nesa categoría.

Entre os demais efectos prexudiciais para a saúde que se poden asociar á inxesta prolongada de arsénico, a OMS destaca os que seguen: problemas relacionados co desenvolvemento, neurotoxicidade, diabetes e enfermidades pulmonares e cardiovasculares. En particular, os infartos de miocardio inducidos polo arsénico poden supoñer unha importante causa de aumento da mortalidade.

O arsénico tamén se asocia a desenlaces adversos do embarazo e mortalidade infantil, repercute na saúde dos nenos e hai probas de que pode ter unha influencia negativa no desenvolvemento cognitivo. 

O arsénico é unha das dez substancias químicas que a OMS considera máis preocupantes para a saúde pública. A propia Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria recomendou reducir a exposición alimentaria ao arsénico inorgánico, que aínda que en baixas proporcións, tamén se atopa nos pescados.

Por isto, os resultados do estudo realizado polos científicos galegos debería levar a revisar a lexislación e os límites recomendables na inxesta de arsénico por consumo de peixe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 dubois

Hay órdenes a la Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural para incentivar la contratación a empresas externas de servicios???? Porque no se aplica la ley de contratos?????Por que la gran beneficiada es la empresa de la "casa" eido galicia?????