Temas: FRASEOLOXíA

Que é iso de "quien fue a Sevilla perdió su silla"?

Coñece a forma correcta en galego deste dito que se está galeguizando procedente do castelán.

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 03/04/2018 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

Quien fue a Sevilla perdió su silla...Quen foi ó mar perdeu o lugar e quen foi ó vento perdeu o asento

Fraseoloxía - Quen foi ó mar perdeu o lugar
Fraseoloxía - Quen foi ó mar perdeu o lugar

{= Paremia que se utiliza para indicar que alguén perdeu o sitio, lugar ou espazo que ocupaba por se ausentar e pasar a ocuparllo outra persoa.}

Quen foi ó mar perdeu o lugar && Quen foi ó vento perdeu o asento && Quen foi a Portugal perdeu o lugar && Quen foi á feira perdeu a cadeira

Ex.: —¡Oye, que ahí estaba yo viendo la televisión! —¡Ah, amigo: quien fue a Sevilla perdió su silla!

¡Oe, que aí estaba eu a ver a televisión! —¡Ah, amigo: quen foi ó mar perdeu o lugar ‡ quen foi ó vento perdeu o asento ‡ quen foi á feira perdeu a cadeira ‡ quen foi a Portugal perdeu o lugar!

Amais, tamén son propias as seguintes expresións:

Quen foi ó campo perdeu o banco # perdeu o canto && Quen foi ó mar perdeu o lugar, quen foi ó vento perdeu o asento

NOTAS:

1. Todas estas paremias poden, así mesmo, ser retrucadas coa seguinte:

Quen foi e volveu non o perdeu (ou “non a perdeu” no caso de retrucarmos a expresión de “quen foi á feira perdeu a cadeira”).

2. Nótese que na paremia quen foi ó campo perdeu o canto, a voz canto está empregada no seu sentido de sitio, lugar (se cadra como extensión da acepción sinónima, recollida no Dicionario da Real Academia Galega, de curruncho, recanto ou recuncho) tal e como acontece no caso da locución no canto de e tal e como recollen, entre outros lexicógrafos galegos, Francisco Javier Rodríguez, Cuveiro Piñol, Juan Manuel Pintos ou Marcial Valladares.

3. As paremias galegas están recolleitas das seguintes obras:

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Benavente Jareño, Pedro & Ferro Rubial, Xesús: Refraneiro galego da vaca. Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela, 1994.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Ruben

jajaja non tiña nin idea da ultima parte da frase da silla, de "quen foi o vento perdeu o asento". A verdade é que estamos a perder moita parte da cultura galega.

4 Paio Gomes Charinho

Pregunto: Cando se debe usar en Galego o signo de admiración aberto? Non era só que, tanto interrogacións, coma exclamacións deben levalo só ó fin?

3 Curioso

O de "Quien fue a Sevilla perdió su silla" creo recordar que vén dunha historia do arcebispo Alonso I de Fonseca, Por uns problemas legais el mailo seu sobriño cambiaron os arcebispados onde estaban, Santiago e Sevilla, e cando un deles quixo volver a Santiago, o outro negouse a deixalo... Algo así...!

2 Joan Artés Morata

"Qui va à la chasse perd sa place" din os franceses: quen vai de caza perde a súa praza.

1 anonimo

Non sabía de ningunha destas expresións:Seguirei con moito interese esta sección!