O ministro De la Serna defende o veto a transferir a AP-9 á Xunta

O titular de Fomento responde na sesión de control as críticas de En Marea polo "espolio" de Audasa.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/02/2018 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, defendeu este mércores o veto do Goberno central a que o Congreso tramite unha iniciativa do Parlamento galego para traspasar á Xunta a titularidade da autoestrada AP-9 asegurando que non se incorre nunha "discriminación" cara a Galicia e recalcando que o Executivo impediu o debate da iniciativa porque suporía un incremento orzamentario de 4.000 millóns de euros.

Iñigo  De la Serna, ministro de Fomento
Iñigo De la Serna, ministro de Fomento | Fonte: Europa Press

De la Serna respondeu así, na sesión de control ao Goberno no Congreso, ás críticas da deputada de En Marea Alexandra Fernández, que acusou o Goberno de formar xunto á concesionaria Audasa un "tándem do espolio".

O titular de Fomento defendeu que de acordo á Constitución se vota a favor de que unha estrada da rede estatal siga pertencendo ao Estado, e afirmou que iniciativas como a transferencia da titularidade da AP-9 teñen que ter a "garantía" de que son "viables" desde o punto de vista orzamentario e non contravir a Constitución nin o regulamento da Cámara.

O pasado ano, os grupos con representación no Parlamento galego, PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG, aprobaron por unanimidade unha proposición de lei para debater no Congreso a transferencia da AP-9, ante o cal o Goberno exerceu a súa capacidade de veto.

De la Serna reivindicou a posta en marcha dun grupo de traballo conxunto entre Fomento e a Xunta, no que se tomaron medidas como a bonificación no tramo da peaxe entre O Morrazo-Vigo e A Coruña-A Barcala. Tamén puxo en valor as últimas infraestruturas inauguradas en Galicia, como a ponte de Rande.

BRANQUEAN OS INTERESES DA CONCESIONARIA

Pola súa banda, Alexandra Fernández acusou ao PP de facerlle o "traballo sucio" e "branquear os intereses" de Audasa, a concesionaria da AP-9, asegurando que esta se atopa fóra do control público. Fernández sinalou que a AP-9 é a autoestrada que sendo das máis rendibles, cun 50 por cento de beneficio, é das que maior prazo concesionario ten, até 2048, e experimentou catro subas nas súas tarifas nos últimos meses.

Por iso, relacionou a PP e a Audasa, asegurando que forman "o tándem de espolio en Galicia", e criticou o Goberno por "cargarse" o principio de autonomía do Parlamento de Galicia, "coa complicidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

"Cando vostedes boicotean esta iniciativa polo único medo a perder unha votación están a reducir ambas as Cámaras a unha farsa, e de paso, tratan de ocultar o espectáculo bochornoso que terían que dar os deputados galegos do PP votando no Congreso a favor de Audasa", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Breogán

O ministro da csverna de rajua resgata as radiais de Madrid e en dous a tres anos a maioría das autoestradas de pago de comunidades máis, máis ricas ca nosa rematan a concesión e os máis pobres galaicos a pagar de por vida. Vida o presinte de Galicia que non galego.