Galicia participa nun proxecto europeo de xestión sostible do monte para previr incendios

O Campus Terra lidera no noso país a aplicación do proxecto internacional Open2Preserve, orientado a minimizar o risco de lumes forestais e a preservar a biodiversidade.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 14/02/2018 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) lidera en Galicia o proxecto internacional Open2Preserve, un programa europeo que vén de recibir máis de 1,7 millóns de euros de financiamento na última convocatoria de proxectos de fondos Feder que está orientado a proporcionar modelos de xestión sustentable do monte que contribúan a minimizar o risco de lumes forestais, ademais de garantir a preservación dos servizos ecosistémicos e a calidade ecolóxica dos espazos abertos de montaña de alto valor ambiental susceptibles de ameazas.

Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro
Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro | Fonte: Miguel Núñez.

O proxecto Open2Preserve, informa a USC, está impulsado por un consorcio internacional no que participan máis de 30 socios (centros de investigación, universidades e outras entidades de titularidade pública ou privada) de España, Francia e Portugal, está liderado na USC pola catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e profesora na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo  Rosa Mosquera Losada, quen cifrou en arredor de 400.000 euros a partida económica dispoñible para o financiamento das distintas actuacións proxectadas na provincia de Lugo e no resto da xeografía galega ao abeiro deste proxecto transnacional. 

Mosquera salientou asemade que a pertinencia das medidas propostas polos promotores do Open2Preserve están máis que acreditadas logo de que este proxecto figure entre as oito propostas aprobadas para o seu financiamento das máis de 400 solicitudes de presentadas inicialmente á última convocatoria de fondos europeos. A tamén presidenta da Federación Europea de Sistemas Agroforestais (EURAF) lembrou neste senso que os obxectivos fixados no Open2Preserve coinciden en gran medida coas necesidades xa advertidas nos espazos abertos de montaña das rexións do suroeste de Europa, zonas que están inmersas nos procesos de cambio global relacionados coas modificación do uso da terra e co cambio climático que afecta ao planeta Terra.

A redución do pastoreo por herbívoros e o abandono dos usos tradicionais das terras rexistradas nas últimas décadas están a provocar a homoxeneización da paisaxe e un descenso da biodiversidade dos seus hábitats, ao tempo que se produce unha elevada acumulación de combustible vexetal, o que implica un incremento dos riscos de lumes forestais, relatou Rosa Mosquera.

Outra das achegas que pretenden os socios promotores do programa Open2Preserve están estreitamente relacionadas coa loita contra os efectos do cambio climático, segundo precisou a catedrática da USC Rosa Mosquera, quen tamén coordina a división de cultivos da Alianza Científica Global contra as Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro Agrícolas, institución recoñecida como observadora oficial dol Panel Intergubernamental do Cambio Climático (IPCC) e que participa na Alianza Global para a Agricultura Climaticamente Intelixente.

Daquela, o proxecto Open2Preserve, un plan transnacional que botará a andar en primavera logo da asemblea constitutiva que se celebrará nas vindeiras semanas na cidade francesa de Toulouse, busca definir novas estratexias para ofrecer solucións innovadoras que aseguren a sustentabilidade económica e a viabilidade a longo prazo do modelo de xestión, promovendo a creación de novos empregos e o desenvolvemento sostible da rexión.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta