A UPG denantes de 1976

O domingo 7 de santos de 1976, nun convento de Vilagarcía de Arousa, reuníase o Cumio Central (CC) da Unión do Pobo Galego (UPG). Nesa xuntanza, que durou mañá e tarde, decidiuse expulsar do seu seo o máximo dirixente de facto da organización, Xosé González Martínez (Pepiño de Teis). Mais recuemos un chisco para pórmonos perante os feitos acontecidos naquel día.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 24/01/2011

Comparte esta noticia

A figura de Pepiño de Teis é imprescindíbel para coñecer de preto a vida orgánica e a transformación que experimenta a UPG na década dos 70. Ninguén parece que discute isto, porén poucos son os que acoden a preguntarlle a súa versión. Tamén cómpre coñecer o testemuño de tantos outros militantes daquela época: Ramón Muñiz, X. M. García Crego, Xosé María Brañas, García Montes…

As folgas de 1972 supuxeron o inicio do protagonismo da UPG nos grupos clandestinos que combatían o feixismo. A UPG xa vivira unha mudanza interna e en parte isto explica o salto adiante que dá nese intre de mobilizacións obreiras.

Unha mudanza xeracional e orgánica. A estrutura muda, a xente nova adquire protagonismo (Pepiño de Teis, Pepe Reboiras, García Crego, Ramón Muñiz…) e despraza unha dirección que cumprira o seu papel.

Este avance da xente nova resulta dun confronto interno. O grupo de estudantes da UPG de Madrid, co seu responsábel á cabeza Pepe Torres, pretenderon levar a organización cara a Federación de Comunistas Españoles (que logo desembocaría no MCE). Petouse na mesa e defendeuse o nacionalismo galego. O grupo de Pepe Torres foi expulsado da UPG. Anos despois, o MCG (sección galega do MCE) integrarase no Consello de Forzas Políticas Galegas e, co paso do tempo, algúns ingresarían  na UPG e houbo quen foron ao Partido Obreiro Galego. Anos despois o resto do MCG e LCR confluirían en Inzar para integrárense no BNG en 1993.

Que fixeron estes mozos na directiva? Estabelécese un rigor nas estruturas internas, unha disciplina militante, faise maior fincapé na formación ideolóxica, márcase moi precisamente a vida na semiclandestinidade (co que iso implicaba no cotián do militante), promóvese a autoorganización dun xeito directo e concreto, estudase o marxismo-leninismo…

Nesta década dos 70 é cando se formula a teoría do nacionalismo galego contemporáneo, dun xeito amplo e plural dentro das coordenadas marxistas, e cotexándoa na práctica diaria, único xeito de saber se a teoría atina ou non na realidade social. Unha formulación que promove a xente nova da UPG. En 1973 publícase o Texto conxunto encol de Galicia por parte da UPG e do PSG, coa redacción de Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Camilo Nogueira e Xabier Pousa. Con este documento entroncaban as dúas forzas galeguistas e, dalgún xeito, amosábase esa concepción plural tan necesaria para expor diferentes opcións que traballaban no campo nacionalista: unha esquerda radical e unha esquerda marxista. Sen dúbida presenta o primeiro chanzo camiño da construción do Frente de Liberación Nacional que se comeza a teorizar nesta altura.

Denantes a UPG tiña unha actividade reducida e puntual, limitada e case recluída a facer algo polo 25 de xullo (mantendo sempre a excepción dos sucesos de Castrelo de Miño). A nova fornada de militantes procuran a congruencia da súa teoría levándoa á acción, poñen en marcha o discurso revolucionario da UPG. Comezan a aparecer máis e máis pintadas da espiral e das siglas, acódese ás romarías para ciscar panfletos, realízanse seminarios de formación (rexéitanse os ideoloxemas e citas puntuais do marxismo para prepararse na socioloxía, economía ou movementos sociopolíticos na historia de Galiza), galeguízanse os topónimos, distribúense os Canles (son documentos para o debate interno da militancia e o número 1 sae en xuño de 1973), dáselle estabilidade ao Terra e Tempo cun contido máis orientado á formación ideolóxica e á actuación definida…

É aquí cando comezan as tarefas que desembocan no nacemento dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL), no Sindicato Obreiro Galego (SOG), na Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), nos Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) ou na Fronte Cultural. Por tanto, unha teoría expresada na autoorganización en diferentes eidos de actuación política: movemento labrego, obreiro, estudantil e cultural.

Aquela dirección da UPG concibía o nacionalismo como un movemento amplo en que eles debían ser o motor, a vangarda do proceso, tomando de guía o marxismo-leninismo e o maoísmo. Non afondamos máis na descrición ideolóxica xa que isto está axeitadamente explicado en Quintana Garrido ou Fernández Baz, por exemplo.

Nesta UPG da década dos 70 non se incorporaba calquera persoa malia expresar a súa incondicional disposición a formar parte da organización. Os métodos de cooptación e de integración eran esixentes. Agora non entraba un se denantes non superaba distintas “fases”. Por iso este CC diferenciou o achegado do simpatizante e o simpatizante do militante. Polo tanto, na concepción do partido comunista, a UPG era unha organización de cadros ben preparados e dispostos. E tamén triunfou a tese de que cadaquén debe traballar no seu correspondente lugar, é dicir, que traballe alí onde máis produza.
É ben sabido o que sucede en 1972, a integración de Galicia Socialista (obreiros de Citröen capitaneados por Camilo Nogueira), conversas con Organización Obreira e inviabilidade da súa integración (acusan á UPG de ser un partido de intelectuais)… Porén, aqueles sucesos lexitimaban as decisións dos novos dirixentes, practicamente todos eles uns rapaces (Reboiras, Pepiño e Crego tiñan 22 anos). Reparemos que tanto Pepiño coma Reboiras vivían en Teis, un barrio con forte presenza do movemento antifeixista, coas fábricas de Vulcano e Construcciones Yarza (que congregaban a moitos traballadores) e alí conviviron cos líderes do PCE e de Comisións.

Concretando un chisco: a nova dirección asumiu a responsabilidade histórica de dirixir a UPG, elaborar e pór en práctica a teoría, dotarse de lexitimidade política, situarse no elenco das formacións antifeixistas con capacidade real de actuación e son quen de facerse respectar polo seu traballo. Xa non era a Unión duns Poucos/Pintores/Poetas Galegos. Canto menos aparentaba moito máis. Agora a UPG era un forte rival do PCE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)