Un cura de Lugo pide que se "expulse" da Igrexa a Rajoy e a Feijóo "por usureiros"

O cura de varias parroquias de Xermade e Guitiriz, en Lugo, e de Aranga, na Coruña, Luís Rodríguez Patiño, pediu que se "expulse" da Igrexa ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por "usureiros".

LUGO | 15/02/2018 | Actualizada ás 11:58 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O cura de varias parroquias de Xermade e Guitiriz, en Lugo, e de Aranga, na Coruña, Luís Rodríguez Patiño, pediu que se "expulse" da Igrexa ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e ao titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por "usureiros".

Este párroco, que misou na estrada que vai de Momán (Xermade) a As Pontes para reivindicar que se arranxe este viario, non ten reparos en pedir para ambos os políticos "unha expulsión manifesta e expresa da Igrexa".

Iso, concreta, suporía que "se lles impedise entrar" nos templos, como reza "o Evanxeo". Como argumento, aludiu a "a pobreza na que sumiron ao país, con desafiuzamentos ou recortes sanitarios". Ademais, incidiu en que, "cando se lles avisa, segundo di o Evanxeo, se non toman actitude, serán expulsados da comunidade".

O sacerdote acusou aos dous presidentes de ser os responsables "da cantidade de sufrimento que padece a xente. "Como o bote das pensións, que está baleiro", clamou.

"Todo aquilo que vaia contra a dignidade, contra a vida das persoas, ha de ser obxecto de expulsión fulminante e excomunión da Igrexa. Estes señores están a ignorar todo este sufrimento", censurou.

De Feijóo lembra que xa foi "avisado" co sucedido polas vacinas para enfermos de Hepatite C, un caso que está xudicializado. "Todos aqueles que son usureiros e cooperan coa usura, que dicía Santo Tomás, teñen que ser expulsados da Igrexa", reiterou.

O pai Luís, como o coñecen os seus fregueses, confía que esta petición de "expulsión" non caia en saco roto por parte dos seus superiores eclesiásticos.

UN PP "CARCOMIDO POLA CORRUPCIÓN"

"Espero que si (se escoite a petición de que a ambos políticos non se lles permita o acceso aos templos): a Rajoy e a Feijóo", recalcou, antes de culpar tamén ao presidente galego "dos problemas que teñen as persoas maiores" para que sexan atendidas no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Así, relatou o caso de dous octoxenarios aos que se lle emprazou a unha cita médica para meses despois de solicitala, co que iso poida representar, mesmo que poidan "morrer" antes de acudir á consulta.

O cura tamén arremeteu contra un Partido Popular "carcomido pola corrupción", deixando claro que se están "burlando de todo 'quisqui'". "Se o fruteiro está contaminado, tes que tirar toda a froita", instou, finalmente.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta