A actriz e directora Rosa Álvarez recibirá o premio de honra 'Marisa Soto' na gala da María Casares

A veterana actriz e directora teatral Rosa Álvarez, pioneira de teatro profesional galego, recibirá o premio de honra 'Marisa Soto' durante a XXII edición da María Casares, o próximo 21 de marzo.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2018 | Actualizada ás 18:01 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A veterana actriz e directora teatral Rosa Álvarez, pioneira de teatro profesional galego, recibirá o premio de honra 'Marisa Soto' durante a XXII edición da María Casares, o próximo 21 de marzo.

Rosa Álvarez, premio 'Marisa Soto'
Rosa Álvarez, premio 'Marisa Soto' | Fonte: Europa Press

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) recoñece así a traxectoria da artista cando se cumpren 40 anos das primeiras funcións profesionais do xénero e que pasa a engrosar a lista de homenaxeados con este galardón, como Maruxa Villanueva, Ana Romaní ou a Sala Nasa, entre moitos outros.

"O noso teatro necesitou, necesita e seguirá necesitando persoas como a nosa compañeira Rosa, quen sempre abriu camiños desde o seu papel de pioneira, desde o espertar en Ribadavia até á creación de compañías como Malbarate ou Lagarta Lagarta, pasando pola fundación de nosa propia Asociación, da que ostenta o número 1 de asociada", destaca a xunta directiva da entidade.

A intérprete iniciou a súa carreira nos 70 e formou parte dos fundadores da Agrupación Cultural Abrente, que chegou a presidir, e das primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia, fitos primordiais na profesionalización do teatro galego a finais da década.

Entre outros proxectos impulsou a Sala Carral de Teatro de Vigo ou a compañía Malbarate, formada totalmente por mulleres(como Mabel Rivera ou a propia Marisa Soto), ademais da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que presidiu entre 1996 e 1996.

A súa traxectoria pasou por un gran número de proxectos tanto en compañías privadas como do Centro Dramático Galego, como 'Woyzeck' (1984), 'Os vellos non deben de namorarse' (1985), 'O incerto señor don Hamlet' (1991), entre moitas outras.

Álvarez tamén pasou por proxectos audiovisuais, como 'Doentes' (2010), 'Heroína' (2004) ou 'Sempre Xonxa', e recibiu diversos galardóns ao seu traballo, como o premio á mellor actriz protagonista por 'Fobias' e 'Compañía', ou o premio 'Maruxa Villanueva' á súa traxectoria en 2003.

XXII EDICIÓN

Os premios de Teatro María Casares celebrarán este ano a súa XXII edición e os nomeados daranse a coñecer o próximo 21 de febreiro, mentres que a gala de entrega será o 21 de marzo no Teatro Rosalía de Castro, na cidade herculina.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta