Efectivos da Garda Civil coordinarán as emerxencias desde o propio centro 112 da Estrada

Unha dotación de nove efectivos traballará directamente cos traballadores deste servizo para “dar unha resposta máis áxil a calquera tipo de sinistro”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Un capitán ou un teniente, un suboficial e seis cabos ou axentes da Garda Civil traballarán cóbado con cóbado cos responsables de Emerxencias para recibir “directamente” as emerxencias e poder mobilizar aos seus efectivos desde este centro de mando.  “Trátase de dar unha resposta máis áxil a calqura tipo de sinistro”, dixo este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que deu o visto e prace a este convenio de colaboración entre o Ministerio de Interior e a Xunta.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112

Deste xeito, o centro 112 da Estrada porá á disposición dos axentes as instalacións, equipamentos e un uso prefixado da plataforma informática para que poidan colaborar, desde as súas competencias, na xestión das emerxencias.

Así, no propio centro haberá diariamente persoal deste corpo -o máis numeroso de Galicia– que recibirá directamente a información da emerxencia na que deberán intervir. Os seus responsables encargaranse de realizar as mobilizacións correspondente á Garda Civil, e de reportar a información necesaria sobre a resolución da situación para que todos os que interveñan dispoñan da mesma.

“A integración, polo tanto, comporta vantaxes tanto para a Garda Civil, que pasará a ter información máis detallada e áxil da emerxencia, o que lle permitirá actuar de xeito máis eficaz; como para o 112, que pasa a contar persoal de enlace da Garda Civil na propio centro e con mellor información de retorno”, dixo Feijóo. “Todo isto redundará nunha actuación máis coordinada e eficaz ao servizo da cidadanía”, engadíu.

O presidente galego destacou que este é o primeiro paso cara á integración dos distintos servizos de emerxencias e das forzas e corpos de seguridade no CIAE 112, o que, dixo, “suporá un grande avance na xestión das emerxencias en Galicia e un exemplo da necesaria colaboración entre administracións”.

Vehículo da Garda Civil
Vehículo da Garda Civil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta