Temas: INFANCIA

Como atender aos 1.500 alumnos con altas capacidades de Galicia

“Non están a recibir a atención que precisan, a súa problemática é pouco coñecida e o contrario dos mitos que existen sobre eles, necesitan apoio tanto no plano intelectual coma emocional”, din desde o Colexio de Psicoloxía.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/02/2018 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Galicia ten preto de 1.500 alumnos e alumnas con alta capacidade cognitiva, segundo o informe "Alumnado con necesidades de apoio educativo. Curso 2015-2016" que elabora o Ministerio de Educación. Este alumnado presenta unhas necesidades formativas concretas que deben ser atendidas desde a infancia, polo que o Colexio Oficial de Psicoloxía organiza unha xornada sobre esta cuestión este sábado 17 de febreiro na súa sede en Santiago de Compostela.

Clase de inglés para nenos
Clase de inglés para nenos | Fonte: ciudadpeques.com

A regulación lexislativa data de 1996 da que xa pasaron mais de vinte anos e, malia ser recoñecidos como alumnado de necesidades específicas de apoio educativo, e, segundo este órgano, “non están a recibir a atención que precisan, a súa problemática é pouco coñecida e o contrario dos mitos que existen sobre eles, necesitan apoio tanto no plano intelectual coma emocional”.

Así, lembra que a imaxe distorsionada deste alumnado dáse cando se lles identifica co almacenamento de datos e non co manexo dos mesmos.” O traballo no plano emocional é máis importante que o curricular pois son hipersensibles e presentan unha alta vulnerabilidade, polo que o seu encaixe social tende á resistencia”, indica. Por iso, a atención específica ás necesidades formativas dos nenos e nenas con altas capacidades cognitivas ten como obxectivo principalmente o de lograr un desenvolvemento harmónico, conxugando os ámbitos emocionais, educativos e sociais. 

En base a todo isto a Sección de Psicoloxía Educativa do COPG considera que a formación sobre a detección, identificación e intervención “é un alicerce sumamente importante para dotar de recursos a nosa práctica no ámbito educativo”, tal e como se abordará na xornada deste sábado. Nela participará Luis Rodríguez Cao, catedrático de Educación Secundaria e psicólogo, responsable da área de Superdotación Intelectual da Coruña desde a súa posta en funcionamento en 1998 ata 2017.

Temas: INFANCIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta