Temas: FOLGA XUSTIZA TSXG

O Tribunal Superior envía unha advertencia aos folguistas da Xustiza polas protestas dentro dos xulgados

Os sindicatos manteñen o seguimento nun 90% e a Xunta rebáixao nun 40,15%, tras oito días de paro indefinido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/02/2018 | Actualizada ás 21:18

Comparte esta noticia

A Xustiza galega vive o seu oitavo día de folga cun seguimento similar ao de xornadas anteriores que, segundo os sindicatos, ronda o 90 por cento, e que provocou a "paralización" nos xulgados do país, coa suspensión de numerosos xuízos e trámites burocráticos que provocarán "enormes atrasos", até "dun ano" por semana de folga.

Funcionario dos xulgados de Vigo prestando servizos mínimos na folga indefinida da Xustiza galega
Funcionario dos xulgados de Vigo prestando servizos mínimos na folga indefinida da Xustiza galega | Fonte: Miguel Núñez.

Nesta xornada, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) lanzou unha advertencia en relación ás protestas que se realizan dentro dos xulgados por parte dos traballadores. En concreto, difundiu un acordo da comisión da Sala de Goberno deste 16 de febreiro de 2018.

"Desde un pleno respecto dos dereitos de folga e liberdade sindical, considera que o seu debido exercicio é incompatible coa realización nas dependencias xudiciais de actos destinados a impedir ou alterar o exercicio da función xurisdiccional, intimamente ligado á observancia do dereito á tutela xudicial efectiva, que corresponde a todos os cidadáns", fai constar.

SEGUIMENTO

Fontes sindicais consultadas  situaron a participación dos traballadores na folga nesta nova xornada arredor do 90 por cento, mentres que a Xunta rebaixa o seguimento do paro ao 40,15 por cento, na habitual guerra de cifras.

A Xunta concreta que participaron 1.084 persoas dun total de 2.700. Os servizos mínimos, remarca a Xunta, "están a cumprirse na súa totalidade".

Por provincias, o seguimento da folga na Coruña foi do 39,33 por cento; en Lugo, do 33,45 por cento; en Ourense, do 41,61 por cento; e en Pontevedra, do 47,16 por cento, segundo os datos da Xunta

No cálculo destes datos, o Goberno galego computa que 128 funcionarios non acudiron ao traballo por ausencia xustificada (vacacións, asuntos particulares ou días de libranza) e 775 cumpriron servizos mínimos.

Porén, o comité de folga, que fai un seguimento xulgado por xulgado, mantén que nove de cada dez funcionarios están en folga desde o día 7 de febreiro.

Temas: FOLGA XUSTIZA TSXG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta