Dramaturgos galegos solidarízanse co autor do pregón do Entroido de Santiago: "O humor é sagrado"

"A ficción non se escraviza. O Entroido non se civiliza. O humor non se toca. Son sagrados", reivindica a Asociación de Dramaturgas e Dramaturgos de Galicia (DramaturGa).

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2018 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

A Asociación de Dramaturgas e Dramaturgos de Galicia (DramaturGa) expresou a súa solidariedade e apoio ao autor do pregón do Entroido de Santiago, Carlos Santiago, logo da polémica xurdida polas supostas ofensas relixiosas vertidas durante a súa intervención. "A ficción non se escraviza. O Entroido non se civiliza. O humor non se toca. Son sagrados", reivindican.

Ameazas en Twitter a Martiño Noriega.
Ameazas en Twitter a Martiño Noriega.

"Dentro do humor, por tanto dentro da ficción, todo é posible e todo está permitido, sobre todo cando non está en xogo a dignidade de ningún ser humano", indica o colectivo nun comunicado no que rexeita a "terxiversación" das palabras do dramaturgo e cómico e o "acoso ao que está a ser sometido a través das redes sociais e certos medios de comunicación".

Nesta liña, lembran que o Entroido "é un espazo temporal e mental no que a farsa e a sátira son artefactos pacíficos utilizados contra os poderes establecidos" e que estas celebracións constitúen "un momento de subversión dos roles sociais" a través "da ficción e o humor sincretizados no uso sempre provocativo do disfrace, ou sexa, do teatro, ou sexa, da ficción".

Así, consideran "intolerable" que "a Igrexa e certos medios de comunicación se alíen para tentar censurar contidos humorísticos nunha evidente estratexia de manipulación mediática con fins espurios". "Os sentimentos nin se ofenden nin se defenden, séntense", apostilan.

Deste xeito, DramaturGa censura o que considera un novo paso no "mantemento da onda represiva que ano tras ano está a pór en cuestión liberdades existentes en tempos —supostamente— xa superados".

Así as cousas, expresan o seu apoio "sen fisuras" ao discurso de Carlos Santiago e ao propio autor, condenan "con rotundidade a agresión" que, din, sofre o dramaturgo e reivindican o dereito á liberdade de expresión dos traballadores da palabra.

MALESTAR NA IGREXA

O pregón, do que polo momento non existen documentos gráficos que recollan as supostas ofensas ao Apóstolo e á Virxe do Pilar máis aló dos testemuños de asistentes recollidos por algúns medios, xerou indignación en certos sectores da Igrexa, que convocaron para este sábado celebracións relixiosas como "acto de desagravio".

Ademais, a Asociación Española de Abogados Cristianos anunciou o pasado venres que presentará unha querela contra o humorista responsable do pregón polo "contido vexatorio anticristiano" e non descarta, na medida "en que recabe probas", ampliala proximamente ao alcalde compostelán, Martiño Noriega.

"ANACRÓNICAS CRÍTICAS"

Pola súa banda, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) tamén saíu ao paso da polémica para apoiar a Carlos Santiago e expresar a súa "absoluta repulsa ás anacrónicas críticas" que está a recibir o dramaturgo afincado na capital galega.

"Resulta insólito, casposo e ridículo que, aínda hoxe haxa quen pense que facer humor é delito", asegura a organización do certame nun comunicado publicado na súa páxina web no que enmarca o discurso dentro do humor —"un código que permite facer ou padecer as críticas máis descarnadas sen que o sangue chegue ao río"— e da festa do entroido —"a máxima expresión festiva da liberdade"—.

A continuación, indican que "de facer caso a estas insólitas opinións" de persoas "que pensan que a ficción ten que se adaptar ao seu particular e restrinxido gusto", deberían cuestionarse "boa parte do cinema norteamericano por violento, bélico, sexista e por facer apoloxía do terrorismo".

"E, xa de paso, podemos prescindir dos textos de autores clave da nosa cultura como Aristófanes, Shakespeare, Molière, Emilia Pardo Bazán, Bertolt Brecht, Valle-Inclán, Albert Camus, Dorotea Bárcena, Harold Pinter, Roberto Vidal-Bolaño, Sarah Kane, Samuel Beckett, Franca Rame e Darío Fo ou Sor Juana Inés da Cruz", conclúe o comunicado do festival.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

1 Berros galegos

Me gustaría ver si la reacción sería la misma en caso de que en el pregón se hubiera puesto a parir a los gays, Podemos o al feminismo en general.

1 Cried

Lo de "al feminismo en general" te ha quedao niquelao, cuñao.

2 feminazis e feminazas

Vendo que se autodenominan "Asociación de Dramaturgos e Dramaturgas", xa nos facemos unha idea de cal sería a súa reacción se no pregón se deixase o feminazismo co cú ao sol