Xoán Ignacio Taibo, Isabel-Clara Simó, Luz Fandiño e Manuel Pazos, premios dos Escritores en Lingua Galega

A asociación convoca o 'I Parlamento de Escritoras-es', para que os autores exerzan de "altofalante" da "falta de garantías democráticas"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/02/2018 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

Os escritores Xoán Ignacio Taibo e Isabel-Clara Simó, a poeta e activista Luz Fandiño e o músico Manuel Pazos son os autores galardoados cos premios correspondentes á 2018 da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Xoán Ignacio Taibo recibe a 'Letra E' dos Escritores en Lingua Galega
Xoán Ignacio Taibo recibe a 'Letra E' dos Escritores en Lingua Galega | Fonte: Europa Press

A AELG celebrou este sábado en Santiago de Compostela a súa asemblea xeral, encontro no que os socios acordaron recoñecer a Xoán Ignacio Taibo como o 'Escritor na súa terra - Letra É', un galardón que supón a homenaxe que se lle fai a un escritor vivo pola obra de "toda unha vida".

Esta distinción, que chega a súa vixésimo cuarta edición despois de recaer en figuras notables das letras galegas como Xosé Neira Vilas, será entregada nun acto no Concello de Oleiros que terá lugar no mes de xuño.

Así mesmo, a asociación ratificou á escritora valenciana Isabel-Clara Simó como 'Escritora Galega Universal 2018' pola "altísima calidade literaria da súa obra", así como por "defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Países Cataláns". A autora recibirá o recoñecemento durante a II Gala do Libro Galego, que se celebrará o 19 de maio no Teatro Principal de Santiago.

MESTRES DA MEMORIA

Ademais, a Sección de Literatura da Tradición Oral da AELG recoñeceu como 'Mestra e Mestre da Memoria 2018' a Luz Fandiño e a Manuel Pazos (Pazos de Merexo), respectivamente. A entrega destas distincións terá lugar nunha gala que se celebrará en Lugo co apoio do Concello e da Deputación.

A Asociación destacou o "permanente compromiso social e cultural" de Luz Fandiño, autora "comprometida coa lingua, o feminismo e coas causas dos desfavorecidos".

Así mesmo, a AELG definiu a Manuel Pazos (Pazos de Merexo) como o "último gran músico do acordeón diatónico da Costa da Morte". A súa memoria abarca todos os saberes da cultura tradicional e fitos históricos moi significados como o contrabando do wolframio durante a II Guerra Mundial.

INICIATIVAS APROBADAS

Na súa asemblea xeral, a Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén aprobou o programa de actividades para o ano, que inclúe como cita máis próxima a celebración do Día de Rosalía de Castro.

Deste xeito, entre outras cuestións, fixaron a primeira edición do proxecto 'Parlamento de Escritoras-es', que se celebrará no outono en Pontevedra co obxectivo de que os autores exerzan de "altofalante da situación actual de falta de garantías democráticas no exercicio do dereito civís".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta