Mobilización masiva contra a mina de cobre de Touro-O Pino

As plataformas veciñais 'Mina Touro-O Pino Non' e 'En defensa da Ría de Arousa' convocan unha tractorada e unha concentración de protesta para o vindeiro domingo 25 de febreiro en contra do proxecto de mina de cobre.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2018 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

As plataformas veciñais 'Mina Touro-O Pino Non' e 'En defensa da Ría de Arousa' convocan unha concentración de protesta e unha tractorada para o vindeiro domingo 25 de febreiro en contra do proxecto de mina de cobre impulsado na zona pola empresa Cobre San Rafael S.L., que aseguran que terá "impacto ambiental inasumible", "sobre a saúde preocupante" e sobre a economía "negativo".

Lectura de manifesto contra a Mina de cobre de Touro
Lectura de manifesto contra a Mina de cobre de Touro | Fonte: Europa Press

Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, os representantes das dúas entidades veciñais pediron ao Consello da Xunta de Galicia e ao seu presidente e ás Consellerías do Mar, Medio Rural e Medio Ambiente, así como de Cultura e Economía a emisión "de informes negativos do proxecto" polos danos que afirman que suporía aos "medios de vida" da zona e a "a saúde" e por ser "un atentado ao medio ambiente e á biodiversidade".

As entidades veciñais demandaron ademais á Xunta de Galicia que promova unha "completa restauración dos terreos da antiga explotación mineira", que existiu na zona até fai case tres décadas.

Os colectivos veciñais sosteñen que a mina, que abarcará 689 hectáreas, ten como "pretensión ampliar a súa extensión até un total de 122,7 quilómetros cadrados", nos municipios de Touro e O Pino (A Coruña), cunha produción que provocaría "danos na saúde", o medio ambiente e afectaría, a través do río Ulla, aos bancos marisqueiros da ría de Arousa.

Foi a actriz Uxía Blanco, nacida en Touro, a encargada de dar lectura ao manifesto que recolle os motivos da oposición a un proxecto mineiro que, segundo denunciou, se apoderaría "de case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias" ás que levará ao "peche".

Nesta liña, os veciños mostraron a súa oposición á eliminación de "341 hectáreas de masa forestal e 150 hectáreas de cultivos e vexetación natural", durante un período de actividade de 15 anos, de minería "intensiva". Tería "actividade as 24 horas do día durante os 365 días do ano e voaduras diarias realizadas con entre 9 e 16 toneladas de explosivos cada unha".

ALERTAN DE DANOS Á SAÚDE

Así mesmo, as dúas plataformas poñen énfase no uso previsto de "compostos químicos perigosos para as persoas e o medio ambiente", que se utilizarían para separar o cobre das rochas, entre os que mencionan, como "o máis grave", "o isopropil etil tiocarbamato". Aluden a que sería "irritante, alerxénico e nocivo para as persoas", "sospeitoso", segundo apuntan, "de causar cancro, nocivo para os organismos acuáticos e con efectos a longo prazo".

Ademais, sosteñen que "a contaminación atmosférica xerada polo po en suspensión derivado das actividades extractivas, transporte e tratamento do mineral poderá abarcar un radio de até 50 quilómetros".

Os colectivos opostos á mina proseguiron o seu manifesto denunciando que se crearán dous depósitos de residuos estériles e catro vertedoiros, que ocuparán "en total case 300 hectáreas" próximas ás vivendas, o que sería ao redor de "300 veces o Estadio Santiago Bernabéu".

A maiores, os opositores á mina de cobre tamén advertiron que o depósito de estériles entre Arinteiro e Vieiro será "unha enorme balsa de lodos" de "até 50 millóns de metros cúbicos de residuos estériles de mina", con "risco para a vida das persoas residentes nas poboacións próximas en caso de rotura".

DANOS AO RÍO ULLA

No manifesto, alertouse ademais dos posibles danos ao marisqueo na ría de Arousa, pola desembocadura do río Ulla, ao exporse "o desvío do leito dos regatos Pucheiros e Burgo que verten as súas augas a afluentes do Ulla". Ademais, continuou Uxía Blanco, o gasto previsto de auga será "seis veces maior que o dos municipios de Touro e O Pino".

Como consecuencia, denuncian que tamén habería "un impacto directo no sector do mar de Arousa e na súa economía local", e prognostican repercusións directas para o Camiño de Santiago, que transcorre a tan só 1.000 metros do Monte das Minas.

Finalmente, advirten que implicaría "a destrución de centos de postos de traballo estables e consolidados, tanto directos como indirectos", ao afectar os sectores agrícola e gandeiro, as industrias derivadas do leite, as actividades de explotación forestal e os negocios hostaleiros e de servizo.

"A OBRIGA LEGAL DO PRESIDENTE DA XUNTA ESTÁ COS GALEGOS"

Por parte da 'Plataforma en Defensa da Ría de Arousa', o seu presidente, Xocas Rubido, denunciou que nas reunións mantidas por representantes da Xunta cos sectores produtivos da ría a "administración defendese os intereses dunha mina con sede en Chipre e capital en China e nos Estados Unidos, moi lonxe dos intereses dos galegos e galegas".

Neste sentido, Rubido reclamou un "cambio de actitude" e reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "estea do lado" dos veciños, porque "a súa obriga legal e moral está cos galegos".

Por parte da 'Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non' agradeceuse a asistencia dos colectivos presentes -sindicatos, organizacións ecoloxistas e representantes de pescadores-, e o apoio de entidades como a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural.

Finalmente, animou a participar na tractorada e manifestación previstas para o 25 de febreiro, que percorrerá o traxecto entre a antiga balsa de Angumil e o Concello de Touro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Compostela12

Máis ben será "MASIVA MOBILIZACIÓN NACIONALISTA CONTRA A MINA DE TOURO". É que non falta ninguén: http://cadenaser.com/emisora/2017/1... E o mellor, toda esta xente que agora se sube polas paredes, caladiña todos estes anos (e o problema xa estaba). Xa o di o refrán: "Coma m_rda. Un millón de moscas non poden equivocarse".

1 eu son eu

Pero que bobo eres....

2 Mineiro

Claro que xa estaba o pp case sempre goberna en Galicia, ese sí que é o problema.