Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/02/2018 | Actualizada ás 21:00
Anova-Irmandade Nacionalista renovou o seu compromiso coas mareas municipalistas, que cre a "mellor expresión do proxecto" de unidade popular que arrincou en 2012 co nacemento de AGE. Por iso, aposta por blindar estas candidaturas "tal e como están deseñadas", respectar a súa "soberanía" e convida os partidos que as apoian a aparcar as "lóxicas de coalición".
Estas son as principais conclusións da conferencia política (titulada 'República dos Concellos') celebrada este sábado en Teo (A Coruña) pola formación que lidera Antón Sánchez, quen clausurou a xornada chamando a "non dar pasos atrás" nos proxectos de unidade como, ao seu xuízo, sería que se antepuxesen os intereses "de parte" das diferentes sensibilidades que conforman o universo rupturista.
A xornada, orientada a preparar o camiño para as eleccións municipais de 2019 e que contou coa participación dun cento de militantes, serviu para aprobar un documento político no que definen as mareas municipalistas como "a mellor expresión" do proxecto de unidade popular; á vez que chaman a "reforzar" aquelas candidaturas que ostentan gobernos e fomentar o nacemento de novas mareas en lugares onde polo momento non as hai.
Todo iso desde o respecto á súa "soberanía". "Os partidos suman e a participación de persoas sen adscrición partidaria dos movementos cidadáns multiplican. As dinámicas de parte dentro do espazo de En Marea debilitan a construción dunha alternativa liderada pola maioría social", sinala o documento aprobado por Anova.
Así, como expuxo Antón Sánchez durante a intervención que pechou a xornada, a formación nacionalista ve necesario que a configuración das listas electorais estea composta "polas mellores persoas" sen interferencias de cotas de partidos.
Ademais, a formación nacionalista prestará o seu apoio aos encontros orientados a fomentar a coordinación das diferentes mareas, como os celebrados en decembro en Ourense e hai unhas semanas en Santiago. Así mesmo, a pesar de definir as deputacións como "institucións arcaicas", cren que son unha ferramenta que pode ser útil para os pequenos e medianos concellos, polo que chaman a "pelexar" por gobernar os entes provinciais en 2019.
Antón Sánchez apelou a que a do 2019 sexa unha reedición "da primavera de 2015", cando as mareas municipalistas se fixeron con gobernos como o de Santiago, A Coruña e Ferrol; aínda que lembrou que "o camiño da unidade popular" non se cingue ao traballo "nas institucións", senón que non se debe abandonar a presenza "nas rúas".
O rexedor santiagués, Martiño Noriega, tamén interveu no peche do acto, onde lembrou que as candidaturas de unidade popular se deben unicamente "á xente". "Se son outros os que se descolgan serán xulgados pola historia, pero por nós que non sexa", remarcou Noriega, en alusión á aposta clara de Anova polas mareas municipalistas nas eleccións de 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.