Ao redor da idea dun novo xornal dixital galego (I)

En 2010 desapareceron Vieiros e A Nosa Terra; Xornal, Galicia-Hoxe e A Peneira sobreviven con dificultades, o mesmo que Tempos Novos. Por riba daqueles que culpan a Feijoo de todas as nosas desgrazas e do peche dos medios de comunicación en galego, quizais a pregunta que deberiamos facer é por que a sociedade galega, ou a sociedade galegofalante, ou os galegofalantes activos, ou a Galicia progresista, como se queira, non é quen de poñer en marcha e soster medios de comunicación que os representen, que supoñan un contrapoder e un altofalante dos grupos alternativos á hexemonía do PP e que empreguen o galego como vehículo principal de expresión.

Por Marcos Pérez Pena | | 24/01/2011

Comparte esta noticia

Mal comezamos se damos por feito que para soster un medio así son imprescindibles as subvencións públicas. Mal comezamos tamén se aspiramos a que o noso medio se sosteña por militancia política ou lingüística. Os medios teñen lectores e teñen publicidade se fan bo xornalismo e se lles ofrecen ao seu públicos contidos de interese ou de utilidade. Nada máis sinxelo ca iso.

En A Nosa Terra investíronse moitos cartos, pero o novo semanario, non interesou, quizais porque os seus contidos eran superficiais ou polos motivos que sexan, pero o certo é que tendo os medios, os seus responsables non souberon facer un bo produto. Houbo unha moi mala xestión xornalística, acompañada dun trato inaceptable dos seus traballadores e ademais non se soubo ver o bo traballo que na redacción compostelá de ANTdiario se realizou cando dende Vigo se lle deu algunha oportunidade.

A Peneira era antes de 2005 un xornal comarcal que funcionaba ben, moi ben mesmo, como medio informativo e xerador de opinión na súa área (O Condado, A Louriña...). Parece que as vacas gordas do bipartito abriron unhas posibilidades de expansión e crecemento que non se podían desaproveitar, pero en calquera caso puidéronse conducir polos camiños axeitados. A Peneira era unha excepción no pobre sistema de prensa local e comarcal galego e nunca debeu perder esa perspectiva. Si puido, por exemplo, aproveitar o contexto favorable para ensaiar experiencias semellantes noutras comarcas, pero optou polo AVE no canto do tren de cercanías.

Vieiros foi outra cousa. A medida que vaia pasando o tempo a sociedade galega valorará o traballo feito por Vieiros entre 1996 e 2010, tanto polo seu carácter pioneiro, de ir abrindo camiños, como pola calidade do labor xornalístico realizado en moitos momentos. Vieiros naceu e sobreviviu a nove anos de fraguismo, e despois de vivir unha época de esplendor nos catro anos de bipartito non foi quen de navegar no novo goberno conservador. Deixando á marxe o asunto da xestión económica opaca e dos cartos desaparecidos e aínda non atopados, cómpre analizar de maneira crítica o traballo feito en Vieiros. Calquera novo proxecto que se cree na rede en Galicia debe ter Vieiros como referente, con moitas cousas que aprender dos seus acertos, que foron a maioría, e tamén dos seus erros, que os houbo. Vieiros, pioneiro en moitas cousas, adoleceu nos últimos tempos de valentía nalgunhas ocasións para a posta en marcha de novos proxectos ou na actualizacións doutros. Construído dende a base e con achegas múltiples, adoptou nalgúns momentos tics exclusivistas, propios de medios máis poderosos. Así mesmo, faltounos punch xornalístico para tentar incidir na axenda pública, para exercer de contrapoder. Na rede, ante a multiplicidade de propostas, se non presentas unha oferta distinta, orixinal e imprescindible non es ninguén, non cumpres ningunha función.

Vieiros chegou ao seu teito en 2008, cunha media de 25 mil usuarios únicos ao día. O crecemento a partir de aí pasaba por converterse na referencia informativa na rede non só para o nacionalismo, senón para un público moito máis amplo. Pasaba tamén por renovar a condición de Barrio galego na Internet a través do traballo conxunto, horizontal e colaborativo con moitas das iniciativas xornalísticas (Tempos Novos, A Peneira, GZVideos...), musicais (Agaphono, Nsaio...), audiovisuais (Flocos...) e sociais (GNSV, Fillos, Blogaliza...) que neses anos agromaban no país, na auténtica explosión da Internet en Galicia. Por aí pasaba o crecemento, e por aí pasaba tamén a partir da primavera de 2009 a súa forza e a súa supervivencia. Por suposto que na ausencia de sinerxías Vieiros ten, conxunto, a mesma parte de culpa que os demais. Isto é unha autocrítica xeral. O proxecto de Vieiros, dun medio dixital aberto, non sectario, galeguista e progresista, combinando traballo xornalístico, difusión cultural e construción colaborativa viable. Iso si, seguramente cómpre ir máis aló para chegar a públicos aos que Vieiros, quizais demasiado marcado politicamente, non chegaba.

En Galicia sobran individualismos, personalismos, minifundios mentais e dos outros, sobran os conformismos daqueles satisfeitos con ser os reis da súa leira. Pásanos a todos, coido. Pasa na cultura, pasa na política, pasa na empresa e pasa na rede. De que xeito recompoñer, fortalecer ou crear novos medios de comunicación galegos na rede?

Velaquí o escenario: cada vez menos xente paga por acceder a información e a publicidade está retraída nun contexto de crise económica e expectativas pesimistas. Calquera proxecto dun novo medio na rede debe contemplar que, malia ter custes bastante menores, o certo é que polo de agora os medios dixitais tampouco xeran demasiados ingresos. Hai iniciativas illadas e hai proxectos agardando un escenario mellor, hai activistas individuais e bastante xente con intelixencia e ganas de facer cousas, moitos xa as están facendo, a un nivel micro e desconectados entre si. Por que non traballar todos xuntos? Por que non derrubar os marcos? Para que serve a AME?

Galicia Confidencial está facendo ben o seu traballo, o mesmo que Radiofusión e A Peneira no seu ámbito e Tempos Novos segue ofrecendo contidos de calidade, o mesmo que resulta moi interesante a proposta de Altermundo. Pero que incidencia real teñen A Peneira, Radiofusión, Tempos Novos ou Galicia Confidencial por separado? A situación é desesperada, pero non grave, que dicía o outro. Poñer a andar un xornal dixital na rede, que achegue información diferente e incómoda para o poder, que lle dea voz ás industrias culturais galegas e aos novos creadores é posible, é simplemente cuestión de traballar todos xuntos, sen personalismos e sen sectarismos.

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcos Pérez Pena Marcos S. Pérez Pena (Montevideo, 1980) é xornalista e investigador en comunicación. Doutor en Xornalismo pola USC con unha tese sobre os medios de comunicación galegos na Transición. Autor de "Milladoiro. A Galicia de Maeloc. Unha fotobiografía" (Galaxia) Marcos S. Pérez traballou en Vieiros, Gznación, La Voz de Galicia, Diario de Ferrol e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, e colaborou con revistas como Tempos Novos, Murguía ou ECO-Revista del Eje Atlántico.