Tod@s unid@s contra o "empobrecemento" da sanidade pública

Sindicatos, organizacións e partidos anuncian novas concentracións pola reforma da lei de Saúde. Insisten na "necesidade" de retirar a proposta e piden a Feijóo iniciar unha negociación para afrontar a "crise" do Sergas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2018 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

Sindicatos, organizacións sanitarias e partidos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- acordaron convocar unha nova mobilización fronte ao Parlamento de Galicia para mostrar o seu rexeitamento á reforma da Lei galega de Saúde o día que sexa debatida no hemiciclo.

Concentración dos traballadores do SERGAS na Coruña contra os recortes en Sanidade
Concentración dos traballadores do SERGAS na Coruña contra os recortes en Sanidade

En concreto, así o informou nun comunicado a Plataforma SOS Sanidade Pública tras a celebración dunha reunión o pasado xoves 15 na que participaron, ademais dos partidos xa mencionados, os sindicatos CC.OO., CIG e UXT, así como o Movemento Galego de Saúde Mental e a Asociación Galega para Defensa da Sanidade Pública.

Na reunión, as entidades reiteraron a súa "esixencia" da retirada da reforma e a intención de iniciar unha negociación co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para abordar medidas "necesarias para afrontar a crise" do Servizo Galego de Saúde (Sergas); iniciativa que será presentada en rolda de prensa o vindeiro xoves 22 de febreiro.

Neste sentido, os participantes ven "necesario" negociar co Goberno galego para "frear o desmantelamento" do sistema, recuperar os "recursos recortados" e afrontar os "graves problemas" que afectan ao Sergas como, segundo indicaron, as listas de espera e os "colapsos" dos centros.

Así mesmo, SOS Sanidade Pública tamén adiantou que, se non hai resposta do mandatario autonómico, convocaranse novas concentracións en todas as áreas sanitarias e cidades de Galicia.

Hospital Clínico de Santiago
Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Europa Press

"NOVAS ESTRATEXIAS"

Neste contexto, a reunión expuxo tamén a "necesidade" de articular "novas estratexias" nas manifestacións, como a de "convencer aos votantes do PP de que tamén son prexudicados pola política de recortes e privatizacións" do Goberno de Feijóo.

Ademais, anunciaron o inicio dunha campaña de recollida de firmas de rexeitamento á reforma e para pedir a retirada da Lei de Garantías, que, segundo SOS Sanidade Pública, permite o traslado masivo de pacientes a centros privados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta