Temas: XUSTIZA FOLGA

A Xunta acusa aos funcionarios de Xustiza de converter Galicia en "Venezuela" por manter a folga

A folga na xustiza segue despois de nove horas de reunión, pero as partes volverán negociar este martes. As posturas de Xunta e sindicatos seguen afastadas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/02/2018 | Actualizada ás 22:50

Comparte esta noticia

A folga indefinida que paraliza os xulgados galegos desde o pasado 7 de febreiro prosegue, despois de que Xunta e sindicatos non fosen capaces de achegar posturas despois de máis de nove horas de reunión este luns, aínda que se emprazaron novamente para este martes ás 9,00 horas.

Negociación folga de xustiza 19 de febreiro
Negociación folga de xustiza 19 de febreiro | Fonte: Europa Press

A xustiza galega vivirá así unha nova xornada de paro --a décima efectiva--, despois de quedar en evidencia que, a pesar da duración do encontro, que empezou ao mediodía na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), as partes continúan en extremos "moi afastados".

Cumprindo o guión dos últimos encontros, os directores xerais de Función Pública, José María Barreiro, e o seu homólogo de Xustiza, Juan José Martín, chegaron á reunión co comité de folga cunha nova proposta, aínda que tal e como avanzaran o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o xefe do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, non variaron a última oferta económica.

Deste xeito, a subida retributiva do complemento autonómico que ofrecen aos funcionarios de xustiza mantense nas marxes de entre 816 e 1.080 euros máis ao ano. Pero a Xunta si puxo sobre a mesa outras "melloras" relativas á consolidación ou creación de novas prazas e tamén ás substitucións.

En canto á "discriminación" nos descontos das baixas por incapacidade temporal, unha cuestión crave para os sindicatos, supedítase á modificación da normativa do Estado, que se está negociando a nivel estatal. Se se chega a acordo nesas negociacións en Madrid, aplicarase en Galicia.

Os sindicatos, pola súa banda, non expuxeron ningunha alternativa porque acusan o Goberno de non ter vontade de negociar. Así, á marxe de demandar unha serie de novos documentos á Xunta, manteñen o seu reclamo dun incremento de 225 euros ao mes, uns "2.700 euros máis ao ano", que o Executivo autonómico ve "inasumibles".

MÁIS DE NOVE HORAS REUNIDOS

Durante as máis de nove horas que durou a reunión, os principais movementos na negociación producíronse na mañá. Houbo dous recesos e os sindicatos tiveron a oportunidade de analizar a proposta da Xunta, pero xa antes de entrar advertiran que era preciso que houbese avances nas cinco reivindicacións para empezar a falar de acordo.

Así, despois do segundo receso, fontes presentes na reunión consultadas por Europa Press constataron que se iniciou "unha longa tarde de desgaste" na que ningunha das dúas partes, a pesar da falta de avances, quería levantarse primeiro. Tanto Xunta como sindicatos queren evidenciar a súa vontade de diálogo.

Con todo, a pesar de permanecer reunidos, pronto empezaron os indicios de que o diálogo non avanzaba. Por exemplo, os sindicatos cursaron comunicación á Delegación do Goberno en Galicia coa convocatoria dunha manifestación central en Santiago para o vindeiro sábado 24.

Ademais, empezaron a difundir por redes sociais algunhas manifestacións "insultantes", baixo o seu punto de vista, que lles dirixiu Barreiro durante o encontro. Por exemplo, molestoulles que, segundo a súa versión, se lles cualificase de "privilexiados", que presumira de que a Xunta "aforra diñeiro" coa folga ou que lles instase a concursar praza fóra de Galicia se non están "contentos".

DIMISIÓN DE BARREIRO

O foco do enfado dos sindicatos céntrase en que a Dirección Xeral de Función Pública teña un papel crave nas negociacións. De feito, segundo afirmou un dos membros do comité de folga, Óscar Freixedo (CIG), quen exerceu de portavoz despois do encontro nunha rolda de prensa conxunta do sete sindicatos representados, sería Barreiro quen lles instou a "marcharse" se non estaban "contentos".

A Barreiro atribuíulle tamén a afirmación de que, coa folga indefinida activada, os sindicatos poñen a Galicia á altura "de Venezuela". "Nós non convidamos a ninguén a marcharse, esta persona si que tería que ser destituída de inmediato", advertiu o portavoz sindical, mentres algún dos seus compañeiros volvía cualificar ao director xeral de Función Pública de "sicario político".

"Dixéronnos que, se non estabamos contentos, emigrásemos; e que isto parecía Venezuela. A postura da Xunta é patética, levamos aquí desde pola mañá para que a Xunta nos ofreza algo e a súa única oferta é nada", esgrimiu o sindicalista.

"ENROCADOS" NA CUESTIÓN ECONÓMICA

A outra parte, a través das declaracións de Juan José Martín e José María Barreiro, defendeu as melloras da súa proposta e situou aos sindicatos "enrocados" na cuestión retributiva. "Como nos temiamos", sinalou Martín, en declaracións aos medios. "Aumento retributivo e aumento retributivo", agregou, ao seu lado, o responsable de Función Pública.

Ambos dirixentes reafirmáronse en que a oferta económica da Xunta non vai variar tampouco na próxima xornada, porque é "moi boa". Con todo, achegarán algún novo dato --como a data de creación das prazas de reforzo-- e esperan que se poida falar de "outras cuestións" para "mellorar o servizo público".

Con todo, despois dunha novena xornada de paralización nos xulgados da comunidade, os representantes da Xunta manteñen que para eles a negociación non está pechada e "confían" en poder solucionar o conflito na nova cita.

Temas: XUSTIZA FOLGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Peposo

Que estes do PP da Xunta vaian a Genova a pedir algún sobre destes que cobran en negro para pagarlles aos funcionarios o que lles deben, ou senon doulles algunha idea para sacar diñeiro para igualar sueldos da administración publica: 1- Que rebaixen salarios do persoal do PP (Barcenas dixo que cobraba 21.000 euros/mes, se todos cobran asi...) ... 2- Que lle pidan que devolvann o roubado aos da Gurtel ou outros dos centos de casos do pp ( http://www.casos-aislados.com/Caso-... .... 3 - Que lles pidan os cartos a eses empresarios amiguiño aos que lles dan obras publicas a cambio de financiar o PP cos cartos de todos... seguro que se lles ocurren mais a estes peposos que niso de sacar cartos cando o necesitan son uns hachas

4 Cac

A ver cando se reforman as administracions publicas. Esas que pagamos todos a todas horas.

3 Megaliberado

Menudos cracks os liberados sindicais, eles cobrando dietas por cada día de folga e ao resto dos funcionarios quitándolles pasta cada día. Veña, seguide na folga, seguide...

2 7BnN

Que conten que horario fan... Non teñen vergonza.

1 anonimo

Te aseguro que hacemos mas horas de las que deberiamos, si no no saldría el papel como sale. Y atendiendo a la gente fuera de nuestro horario de atencion al publico para que salga lo menos perjudicada

1 Breogán

Isto xa é venezuela, iso sí, gobernada por rajua maduro e feijo cabello. Agora a diferenza está nos supermercados, aquí por sorte estan cheos, só compren os cartos. En corrupción, independencia xudicial estamos aí, aí.