O Goberno declarará o Ano Santo de 2021 acontecemento de Excepcional Interese Público

A declaración conlevará todas as desgravacións fiscais que son aplicables.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/02/2018 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O Goberno español declarará o Ano Santo Xacobeo de 2021 acontecemento de Excepcional Interese Público, con todas as desgravacións fiscais que son aplicables. Así o anunciou este martes o ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, en resposta a unha pregunta do popular Gerardo Criado, durante o pleno do Senado.

Peregrino ante a Catedral de Santiago
Peregrino ante a Catedral de Santiago

Ademais, o ministro indicou que traballarán na dinamización cultural do Camiño de Santiago, para que as actividades culturais sexan permanentes e non só se centren nos anos xacobeos; e buscarán a participación en redes internacionais porque, segundo sinalou Méndez de Vigo, "once séculos de historia converten o Camiño no itinerario cultural máis importante de Europa".

Tamén teñen prevista a posta en marcha de programas formativos transversais para fomentar a sensibilización pola conservación do patrimonio, así como a mellora das infraestruturas, con novos balizamentos e aplicacións dixitais. Finalmente, velarán pola protección do Camiño, para o que traballaron na xeorreferenciación do mesmo elaborando unha cartografía plena e detallada.

Precisamente, Méndez de Vigo afirmou que boa parte do éxito do Camiño de Santiago ten a súa orixe en 1987 —cando se declarou primeiro itinerario cultural europeo—, momento en que o sinalizaron e balizaron. Desde entón, segundo precisou, a sociedade española asistiu ao "esplendor" desta ruta.

"Estas medidas e outras que van xurdir farán do Camiño de Santiago ese gran evento cultural, relixioso, patrimonial, lúdico que encandea a tantos peregrinos non só españois senón de Europa e o mundo enteiro. Coa coordinación das comunidades autónomas faremos do 2021 un éxito tan grande como o 2010", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta